Xenoblade Chronicles para Wii chega mañá ás tendas españolas

xoves, 18 de agosto do 2011 Marcus Fernández

Xenoblade Chronicles conta cun sistema de combate dinámico (en tempo real)

Mañá chega ás tendas españolas o xogo para Wii Xenoblade Chronicles, que acadou unha magnífica acollida no Xapón por combinar o mellor dos xogos de rol nipones como Final Fantasy coas innovacións e a axilidade da saga The Legend of Zelda. Como garantía de calidade temos que detrás deste xogo están deseñadores como Tetsuya Takahashi e Koh Kojima, que dirixiron o traballo do equipo de Monolith Software, estudo que participou na triloxía Xenosaga e colaborou na produción de Super Smash Bros Brawl.

Shulk contará coa axuda da espada mística Monado para rematar cos seus inimigos

Xenoblade Chronicles pon ao xogador na pel de Shulk, un habitante da Colonia 9, que embárcase nunha historia de guerra e vinganza para salvar aos Bionis na procura por repeler o ataque do exército Mekon. Para iso terá que explorar numerosos paraxes e localizacións nos que loitar coa axuda da espada mística Monado. O xogo conta cun sistema de combate dinámico, evitando pantallas de carga e pausas, xa que as loitas serán en tempo real, cun sistema de aprendizaxe progresivo no que deberemos mellorar o noso equipo, coñecer novas técnicas e armas e dominar a arte da desprotección, coa que derribar aos nosos inimigos para rematalos coa espada.
Shulk leva por compañeiros a Reyn, Fiora e algún que outro personaxe inesperado, e permitirá gozar de máis de 100 horas de aventura. Para redondear o produto, Xenoblade Chronicles estará totalmente traducido ao español e os membros do Club Nintendo poderán descargar de balde a banda sonora orixinal do xogo de rexistralo antes do 30 de setembro.


Trailer europeo de Xenoblade Chronicles

Shulk estará acompañado na súa aventura por Reyn, Fiora e outros personaxes

PUBLICIDADE