Xiaomi prepara unhas lentes con pantalla

martes, 14 de setembro do 2021 Marcus Fernández

Sen confirmar se realmente chegará a ser un produto comercial presentáronse as Xiaomi Smart Glasses, unhas lentes de só 51 gramos de peso que integran tecnoloxía óptica microLED para poder amosar para un dos nosos ollos mensaxes e notificacións, servindo tamén para realizar chamadas, navegar, tomar fotografías ou traducir de xeito automático o texto que temos diante da vista.
O chip para a pantalla destas lentes tería un tamaño de só 2,4 e 2,02 milímetros, contaría con píxeles de só 4 micrómetros, e optar por unha solución de pantalla monocroma para poder conseguir un brillo de até 2 millóns de nits, para que así as imaxes amosadas sexan visibles incluso baixo a luz do sol.
Estamos ante un produto bastante complexo, que Xiaomi asegura que non será unicamente unha segunda pantalla do noso smartphone, xa que contaría con capacidades para funcionar de xeito autónomo, como a navegación, o disparo de fotografías, a tradución de texto en tempo real e incluso a función de teleprompter.
Un dos retos das Xiaomi Smart Glasses é que non sexan demasiado intrusivas, limitándose a amosar a información precisa en cada ocasión, para o que define escenarios como notificacións importantes, chamadas telefónicas, navegación e tradución de fotografías, buscando así que a pantalla das lentes resulte práctica e non sexa demasiado molesta interrompendo as nosas actividades cotiás; permitir chamadas nítidas co sistema sonoro integrado; guiarnos nos nosos desprazamentos sen que perdamos de vista a rúa; e analizar imaxes captadas pola súa cámara de 5 Mpíxeles, recoñecendo o texto para poder transcribilo a voz e traducilo en tempo real.
Pero o máis importante de todas estas funcións é o feito de poder equipalas nun produto coa forma de lentes tradicionais, aínda que é todo un misterio se as lentes chegarán ao mercado nun tempo razoable, sen ter que agardar á prometedora tecnoloxía de realidade mixta que perseguen varios fabricantes.

Vídeo de presentación das Xiaomi Smart Glasses

PUBLICIDADE