Xiaomi presenta o primeiro smartphone Redmi con 5G

venres, 8 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

Xiaomi celebrou esta mañá unha das súas meirandes presentacións de produtos, con novos smartphones e dispositivos, entre os que destacaron os novos integrantes da familia Redmi, que continúan na súa liña ofrecendo grandes prestacións a prezos reducidos.

Redmi Note 9T

O grande protagonista da xornada sería o Redmi Note 9T, un teléfono equipado cun procesador MediaTek Dimensity 800U, o que permítelle ofrecer conectividade 5G con soporte para dúas tarxetas SIM á vez, que estrearía a 5G na familia Redmi e colocaríase como un dos teléfonos con esa conectividade máis económicos do mercado.
Tamén é rechamante a súa cámara traseira tripla, cun sensor principal de 48 Mpíxeles (apoiado por uns pouco relevantes sensores de profundidade e macro de 2 Mpíxeles), que promete boas fotografías incluso de noite e grava vídeo en 4K. Na súa frontal ten unha pantalla Full HD+ de 6,53 polgadas cunha perforación para acoller unha cámara de 13 Mpíxeles. Presume de son estéreo, NFC, lector de impresións dixitais lateral e batería de 5.000 mAh con carga rápida de 18 watts (inclúe un cargador de 22,5 watts).
O Redmi Note 9T véndese a 249,99 euros con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento e a 269,99 euros con 4 GB de RAM e 128 GB de almacenamento, aínda que na presentación internacional do produto daban como prezo 229 euros, e tamén aseguran que poderán conseguirse nunha oferta de lanzamento por 199/249 euros o vindeiro día 11.

Redmi 9T

Pero os usuarios que queren un produto máis compacto e económico tamén teñen unha boa proposta de Xiaomi, o Redmi 9T, que chega cun procesador Qualcomm Snapdragon 662 (ou sexa, que prescinde da 5G), pantalla Full HD+ de 6,53 polgadas, cámara traseira cuádrupla cun sensor principal de 48 Mpíxeles (xunto cun sensor ultra grande angular de 8 Mpíxeles e sensores macro e de profundidade de 2 Mpíxeles), cámara frontal de 8 Mpíxeles situada nunha pestana central na parte superior da pantalla, lector de impresións dixitais lateral, NFC, emisor de infravermellos, toma de auricualres, altofalantes duais e, como característica estrela, unha batería de 6.000 mAh con carga rápida de 18 watts (inclúe un cargador de 22,5 watts).
Venderase a 179,99 euros con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento e a 199,99 euros con 128 GB de almacenamento, que mañá mesmo estaría dispoñible cunha oferta de lanzamento a 159/189 euros.

Vídeo do evento no que se presentaron os novos Redmi

PUBLICIDADE