Xiaomi presenta o seu primeiro smartphone con Android puro

martes, 5 de setembro do 2017 Marcus Fernández

O programa Android One de Google, que buscaba achegar smartphones asumibles, de calidade e actualizados aos mercados emerxentes continúa en activo, e hoxe recibe a un novo socio, a compañía chinesa Xiaomi, que anuncia o lanzamento do seu smartphone Mi A1, que porase á venda inicialmente na India, Indonesia, Rusia, Vietnam e Taiwán a un prezo de 14.999 rupias (196,48 euros), o que semella unha excelente nova para os que gustan do hardware de Xiaomi, pero non aceptan de bo grao a súa capa de personalización (MIUI).
O Mi A1 é un smartphone creado por Xiaomi con software de Google, o que é unha magnífica combinación de hardware e software, que funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 625 de 8 núcleos fabricado con tecnoloxía de 14 nm, 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno, pantalla Full HD de 5,5 polgadas con cristal curvo 2.5D, corpo metálico, lector traseiro de pegadas dixitais, son de alta calidade (grazas ao algoritmo Dirac HD Sound e ao uso dun amplificador dedicado que permite usar auriculares cunha impedancia de até 600 ohms), emisor de infravermellos (para empregar o móbil como mando a distancia), batería de 3.080 mAh recargable a través de USB-C, un grosor de 7 milímetros e un peso de 168 gramos.
Pero o que posiblemente sexa o máis rechamante deste terminal é, aparte do feito de que vaia actualizarse a Android Oreo antes do remate do ano, que está equipado cunha cámara traseira dual con 2 obxectivos de 12 Mpíxeles (cun tamaño do píxel de 1,25 µm), un cun grande angular e outro teleobxectivo, no que equivalería a aplicar un zoom de 2x, de xeito que sumaríase á tendencia do ano na integración de dúas cámaras para, por exemplo, conseguir o efecto de enfoque selectivo para os retratos. A cámara frontal é duns xenerosos 16 Mpíxeles. O software tamén apoia ás cámaras con filtros como Beautify 3.0 ou a corrección natural de cor. Adicionalmente o dispositivo inclúe un extra salientable: espazo ilimitado de alta calidade en Google Fotos.
Aparte dos catro países de lanzamento indicados, o Mi A1 tamén estará dispoñible en moitos outros mercados de Asia, África, América e Europa, pero só de xeito oficial nos mercados que consideran emerxentes, de xeito que o país máis próximo no que podería mercarse directamente o smartphone sería Grecia.

PUBLICIDADE