Xiaomi presenta un proxector láser de tiro ultra-curto con Android

mércores, 28 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Xiaomi sorprendeu hoxe cunha presentación na que deron a coñecer o Mi Laser Projector, o que a compañía chinesa describe como o primeiro proxector láser que ofrece un nivel propio do cine ao ser capaz de presentar unha pantalla de até 150 polgadas, aínda que a moitos chamaralles máis a atención de que a súa vida útil sería dunhas 25.000 horas, ou sexa, que empregándoo un par de horas ao día podería aguantar até 34 anos, evitando así o grande problema de moitos proxectores de vídeo tradicionais (que precisas caras e frecuentes substitucións da súa lámpada). O tiro ultra-curto deste proxector faino moi atinado para moitos fogares, xa que funciona a unha distancia de só entre 5 e 50 centímetros da superficie de proxección.
O Mi Laser Projector coida a súa calidade de imaxe incorporando tecnoloxía optoelectrónica de APPTRONICS e Texas Instruments, e mediante o uso de ALPD 3.0 consegue unha elevada precisión de cor e alto contrate. A súa luminosidade é de 5.000 lumenes e incluso incorpora 4 altofalantes de alta potencia, aínda que boa parte do público interesado no produto o que recibirá de maior agrado é que integra Mi TV, ou sexa, que sería como un Smart TV da Xiaomi, capaz de conectarse á nosa rede Wi-Fi doméstica para acceder a numerosas series de televisión e filmes dun xeito moi cómodo (contando incluso cun sistema de recoñecemento de voz para unhas buscas máis áxiles).
Pese a que normalmente asociamos a Xiaomi con produtos de baixo custo, neste caso falamos dun produto de grande calidade e elevadas prestacións, de aí que o seu prezo sexa de 9.999 iuans (1.294 euros), prezo que en calquera caso sería moi inferior ao de equivalentes doutros fabricantes (por exemplo, un proxector NEC NP-P502HL custaría uns 3.500 euros).

PUBLICIDADE