Yaiza Rubio animou ás mozas ourensás a facerse fortes no universo TIC

mércores, 9 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

Yaiza Rubio, analista de seguridade en ElevenPaths, a unidade de protección tecnolóxica de Telefónica, participou hoxe nun encontro con estudantes do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense, no que fixeron acto de presenza unhas 250 rapazas e rapaces, ao abeiro do programa Girl STEM: derrubando estereotipos, que impulsan AGASOL e AMTEGA. Rubio achegou datos que explican os porqués da presenza máis reducida de mulleres nos estudos e profesións científicas e tecnolóxicas.
A relatora recoñeceu que existe “un teito claro que se fai moi evidente nas direccións das empresas onde un 90% das persoas con postos de responsabilidade son homes”, pero animou ás rapazas a perseverar, non deixarse vencer por pequenos fracasos e traballar duro e sen complexos: “Ás veces, os impedimentos poñémolos nós mesmas sen darnos conta, temos que confiar nas nosas capacidades e pensar que este é un sector moi práctico, dá igual que sexas muller ou home, tes que pensar no valor diferencial que podes achegar a un traballo”.
A analista engadiu que “precisamos fomentar as carreiras tecnolóxicas nas mulleres, fan falta escolas que aposten por ensinar tecnoloxía; son habilidades que hai que ir incorporando dende moi cedo porque as profesións do futuro non se van parecer nada ás que coñecemos hoxe”, dixo, engadindo que agora, máis ca nunca, precísanse moitos perfís tecnolóxicos no ámbito da seguridade porque “a ameaza cibernética é mundial”.
Yaiza realizou co alumnado un xogo de simulación dun delito de suplantación de identidade a través dun dispositivo móbil. A experiencia serviu, por unha banda, para advertir a mozas e mozos dos perigos de instalar aplicacións que non sexan de confianza, aceptando condicións e permisos que poden ser usados para atentar contra a nosa privacidade e identidade. Por outra banda, a analista valeuse deste exemplo para facerlles ver o útil que pode ser a tecnoloxía como profesión para resolver situacións que supoñen un problema moi frecuente no noso día a día. Neste sentido, ofreceu un dato reflectido no informe que ven de publicar hai menos dun mes a Asociación Española para a Dixitalización, onde se asegura que hai máis de 10.000 empregos vacantes en España arredor das carreiras STEM que non poden cubrirse porque non existen perfís profesionais para realizar estes traballos.

PUBLICIDADE