YouTube loita xudicialmente contra o uso de reclamacións de copyright como extorsión

luns, 19 de agosto do 2019 Marcus Fernández

Dende que YouTube ten mecanismos de protección de dereitos de autor hai compañías que abusan dos mecanismos para lucrarse, sen que YouTube penalice este tipo de prácticas, pero parece que por fin toman en serio outras prácticas máis agresivas, e por fin sabemos dun canso no que se empregaban as reclamacións de copyright para extorsionar a responsables de canles de YouTube na que a plataforma non se limitou a expulsar ao infractor do sistema, senón que emprendeu accións legais contra Christopher L. Brady, un particular que coas súas actividades violaba a lexislación sobre dereitos de autor e tamén provocaba claros danos a YouTube (especialmente no que se refire a fiabilidade da súa plataforma de vídeos en liña).
As accións legais serían non só un xeito de escarmentar a Brady (pois só as costas xudiciais xa suporían unha sanción moi superior ao lucro da súa actividade ilícita) senón tamén un mecanismo para evitar que continúe coas súas prácticas, xa que dende YouTube recoñecen carecer de mecanismos capaces de detectar conductas deste tipo, nas que os infractores ocultan a súa identidade (o denunciado tiña como mínimo 15 identidades diferentes, dificultando a súa identificación).
As extorsións denunciadas consistían en que Brady presentaba reclamacións de copyright sobre vídeos doutros usuarios de YouTube, concretamente xogadores de Minecraft, aproveitando o feito de que, de acumular 3 reclamacións en menos de 3 meses provócase o cancelación automática da canle de YouTube, e dado que presentaba as reclamacións dende contas diferentes, conseguía pór aos usuarios ao borde do peche das súas respectivas canles para pedirlles cartos (150/300 dólares) para retirar a reclamación.
Dado que este esquema fraudulento é moi doado de replicar, resulta esperanzador ver que YouTube emprende accións legais contra os infractores, o que podería ser unha medida disuasoria efectiva.

PUBLICIDADE