Youtubeir@s Rianxeir@s celebra o 29 de novembro a gran gala do audiovisual local

xoves, 21 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

A vertente rianxeira do proxecto Youtubeir@s, dirixido a converter YouTube e outras redes sociais en centros de actividade audiovisual en galego, vai celebrar o 29 de novembro unha gran quedada de creadoras/es e espectadoras/es, no Auditorio de Rianxo a partir das 19.00 horas.
Estamos a faltar da Gala Youtubeir@s Rianxeir@s, unha cita de confraternidade e celebración arredor dos moitos e bos froitos audiovisuais que están a agromar na vila grazas á súa participación no certame (por exemplo o máis que exitosa serie As Cousas do Choio, entre outras contribucións). A gala, de libre entrada até completar aforo, vén da man do Concello e contará coa presenza das veciñas e veciños que participaron nesta convocatoria (a terceira) e nas anteriores edicións do proxecto Youtubeiras.
Sobre o certame
O proxecto Youtubeir@s vén da man dunha nutrida fronte común de entidades galegas formado polos concellos de A Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, O Grove, Moaña, Ourense, Rianxo, Ribadeo, Pontevedra, Santiago e Teo, e polas universidades da Coruña, Santiago e Vigo e a Deputación da Coruña).
A terceira edición dos Premios Youtubeir@s establecen este ano un total de catro categorías: vídeo-facermos (vídeos que mostran saberes e procesos de elaboración a través de titoriais), vídeo-opinarmos (exposición de opinións e valoracións sobre un tema de interese), vídeo-cantarmos (vídeos musicais con versións, composicións orixinais, adaptacións ou coreografías) e canles.
Amais destas catro modalidades, entregaranse distincións á creatividade, á eficiencia comunicativa, á calidade técnica e á calidade lingüística, recoñecementos decididos todos por un xurado “de recoñecido prestixio” que outorgará o premio durante a gala dos Premios Youtubeir@s, no mes de novembro. Por último, o certame conta cun premio do público que se entrega baixo o nome de #propostayoutubeira. En conxunto, Youtubeir@s repartirá un total de 6.500 euros en galardóns.

PUBLICIDADE