Youtubeiras 2021 centrarase na difusión e na formación en liña

luns, 5 de xullo do 2021 S. P.

A edición 2021 de Youtubeiras xa está collendo corpo, cun programa de actividades que vai poñer no foco na difusión e na formación en liña. Baixo o lema Magnetismo en liña, esta iniciativa de dinamización lingüística (destinada a converter o Youtube e outras redes sociais nunha fonte inesgotábel de audiovisuais na nosa lingua) repartirá un total de 7500 € en premios. Unha vez máis, o certame vén da man dos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña.
Haberá doce categorías, segundo informou estes días o Concello de Rianxo, engadindo que o certame estará aberto a todas as persoas maiores de 14 anos con canles de Youtube en galego, autoproducidas e que teñan polo menos cinco vídeos publicados con data posterior ao 23 de outubro de 2020.
O prazo de inscrición abrirase o 10 de setembro e as bases deste ano pódense consultar xa na web do concurso.
Os Premios Youtubeiras, que teñen como finalidade concreta “ser acicate da creación en Youtube con temáticas e formatos diversos así como promover e mostrar as youtubeiras e youtubeiros en galego”, ofrecerán unha serie de sesións formativas para procurar a mellora da calidade técnica dos vídeos, por unha banda, e, pola outra, para dotar as persoas creadoras de ferramentas globais para a súa actividade. Deste xeito, a formación será nesta quinta edición máis especializada que en anos anteriores.
Primar as canles
Nesta quinta edición dos Premios Youtubeiras, a organización quere “fomentar a creación e o mantemento de canles”, polo que neste 2021 só se poderán presentar canles e non vídeos illados como en anos anteriores. Esa, de feito, será a gran novidade nas bases destes quintos Premios Youtubeiras que, por segundo ano consecutivo, artéllanse en 12 categorías: canle, vídeo, youtubeir@, calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, musical, didáctico, pioneiro e premio do público. Os tres primeiros acompañaranse cunha dotación económica de 1.000 euros, mentres que os nove restantes chegarán aos 500 euros.
Un xurado profesional escollerá as propostas premiadas, agás no caso do premio do público. Neste apartado, os/as seguidores/as serán quen propoñan os seus vídeos preferidos para concorrer neste apartado. As suxestións poderanse facer só a través do formulario habilitado na páxina web do proxecto, cumprirán cos mesmos requirimentos das bases xerais e realizaranse antes do 22 de outubro de 2021.

PUBLICIDADE