ZEISS presenta unha alternativa económica ás solucións actuais de VR para PC

mércores, 30 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Actualmente as solucións de realidade virtual percorren en dúas liñas: a VR en equipos informáticos de alta gama con cascos de elevado prezo e as solucións menos potentes baseadas en smartphones introducidos nun casco de baixo custo. E agora ZEISS quere rachar tal división e anuncia que a finais de ano porá á venda ZEISS VR ONE Connect, que funciona en combinación cun smartphone con iOS ou Android, pero que como fonte dos contidos terá un ordenador persoal, ou sexa, que sería unha alternativa moi económica a HTC Vive e Oculus Rift.
Esta solución será compatible con SteamVR, de xeito que poderá empregarse con numerosos videoxogos actuais sen ter que realizar un grande investimento económico, e incluso cunha instalación máis sinxela que os sistemas actuais, xa que só precisará dun cable USB para conectar o casco co PC, mentres que os mandos de control por movemento enlazaranse a través e Bluetooth co móbil.
A solución completa de mandos, cables, software e visor venderase a 199 euros, sendo posible mercar o lote sen visor por 129 euros.

PUBLICIDADE