ZEISS presenta unha cámara full-frame con Lightroom integrado

venres, 28 de setembro do 2018 Marcus Fernández

Aínda que a marca ZEISS está asociada principalmente ás ópticas de calidade para cámaras fotográficas, conseguiron chamar poderosamente a atención coa súa nova cámara ZEISS ZX1, por ofrecer unha experiencia sen comparación, xa que permite no propio dispositivo sacar a fotografía, editala, publicala e incluso facer unha copia de seguridade da mesma.
A ZEISS ZX1 ten un deseño bastante curioso, cunha forma que busca principalmente ter un cómodo agarra grazas á súa curvatura, está equipada cunha lente ZEISS Distagon de 35 milímetros de alto rendemento con apertura f/2 tras a que se agocha un sensor CMOS de fotograma completo de 37,4 Mpíxeles, ofrecendo así unha calidade de imaxe magnífica para fotografías urbanas, de viaxes e de paisaxes. Pode manexarse mediante diais tradicionais e a súa pantalla táctil traseira acompañada por un visor electrónico OLED de alta resolución (Full HD nun tamaño de só 0,7 polgadas). Tamén é capaz de disparar vídeo 4K a 30 imaxes por segundo ou Full HD a 60 imaxes por segundo.
Pero como estamos ante unha cámara que semella ideal para usuarios viaxeiros, un detalle que entusiasmará a moitos é que as fotografías almacenadas en RAW poden logo editarse na propia pantalla de 4,34 polgadas (cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles) mediante unha versión integrada da aplicación Adobe Photoshop Litghtroom CC, ou sexa, que a cámara pode facer tamén de sala de revelado, permitindo unha maior creatividade en mobilidade, e coa vantaxe de que as edicións poden sincronizarse co Lightroom CC do ordenador.
A cámara está equipada con conectividade sen fíos (NFC, Wi-Fi AC e Bluetooth 4.1 LE) e por cable (USB-C) facilitando que as instantáneas poidan compartirse rapidamente, aínda que o respaldo das imaxes na nube tampouco ten por que ser moi urxente, xa que a ZEISS ZX1 está equipada cunha xenerosa unidade SSD con 512 GB de capacidade, de xeito que nas saídas non haberá que ir cargado cunha chea de tarxetas de memoria, e para algúns usuarios incluso sería máis que dabondo para viaxes enteiras, supondo unha grande comodidade.
Esta nova cámara de ZEISS chegará ao mercado a primeiros de 2019, e aínda que polo momento non se dixo nin chío do seu prezo, dadas as súas especificacións probablemente supere os 3.000 euros.

Vídeo promocional da ZEISS ZX1

PUBLICIDADE