ZTE reforza a súa gama media cun terminal que destaca pola súa cámara

mércores, 20 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Aínda que os fabricantes chineses teñen aínda unha presenza bastante tímida nos mercados occidentais, están a apostar pola internacionalización para poder manter o seu ritmo de crecemento, e mentres ZTE en España limítase á venda directa duns poucos terminais, en EE.UU. son máis ambiciosos e anuncian a comercialización en breve do seu ZTE nubia 5S mini LTE.
Estamos ante un terminal 4G que sairá á venda o 27 de agosto a un prezo de 279,99 dólares (210,75 euros), o que parece un prezo moi axustado para un smartphone que presume dunha cámara traseira de 13 Mpíxeles con facilidades de control propias dunha réflex (permite o control independente de enfoque, exposición e balance de brancos) e unha cámara frontal de 5 Mpíxeles para permitir unhas auto-fotos moi ricas en detalle. O novo smartphone de ZTE ten unha pantalla de 4,7 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, un procesador Qualcomm Snapdragon 400 de catro núcleos a 1,2 GHz, 2 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSDHC de até 32 Gb), Bluetooth 4.0, Wi-Fi N, son DTS e batería de 2.000 mAh, dentro dunha carcasa de 7,6 milímetros e cun peso total de 128 gramos.
Un smartphone realmente interesante que como principal eiva ten o funcionar con Android 4.3 e vez de contar cunha versión máis recente do sistema operativo de Google (que podería contribuír a un funcionamento máis rápido e a unha maior autonomía).

Sen chegar a ser un terminal tope de gama, o ZTE nubia 5S mini LTE consegue unha boa relación calidade-prezo


Vídeo de presentación do novo smartphone que ZTE leva ao mercado norteamericano

PUBLICIDADE