Zoom Q4, unha cámara ideal para músicos

luns, 20 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

Un dos detalles que normalmente deixa en evidencia ao vídeo afeccionado na Internet é a mala calidade do son rexistrado, e para solucionar esa eiva temos agora a cámara de vídeo compacta Zoom Q4, ideal para músicos por integrar un par de micrófonos estéreo abatibles con axustes de ganancia e nivel de corte para conseguir gravar concertos, audicións e vídeos musicais cun bo son, podendo aproveitarse o formato compacto para conseguir puntos de vista únicos.
Aínda que non estamos ante unha cámara que destaque pola calidade do seu vídeo, é capaz de gravar a 30 cadros por segundo a 1.080p ou a 60 imaxes por segundo a 720p, con audio en WAV (ata 96 kHz) ou AAC (ata 320 kbps a 48 kHz). Ten un sensor CMOS de 3 Mpíxeles, pantalla LCD de 2 polgadas, altofalante mono, entrada para micrófono/liña, toma de auriculares, micro HDMI, mini USB e batería de 1.050 mAh (cunha autonomía de ata 3 horas gravando a 30 imaxes por segundo a 720p). Grava en tarxetas SD/SDHC/SDXC de ata 128 Gb, pode funcionar como webcam con vídeo e entre os seus accesorios están unha funda para facela resistente á auga e soportes para conectala a un pé de micro ou a unha guitarra. O seu prezo en EE.UU. é de 299,99 dólares (221 euros).

A cámara é ideal para gravar ou transmitir actuacións en vivo
O tamaño compacto da Zoom Q4 permítelle conseguir puntos de vista únicos

PUBLICIDADE