Zotac estrea novos equipos informáticos de tamaño reducido

martes, 21 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Os pequenos dispositivos HDMI que están a emerxer en China demostran o nivel de miniaturización que poden acadar os ordenadores actuais, e nese camiño tamén traballan fabricantes con certa sona como Zotac (popular polos seus ordenadores de pequeno tamaño orientados en moitos casos ao seu uso como centros multimedia ou equipos básicos), compañía que vén de presentar a súa nova familia de equipos Zbox Pico.
O primeiro equipo da gama é o PI320, un mini-ordenador que cunhas dimensións semellantes ás dun smartphone, que permitirían o seu transporte no peto, é capaz de integrar un procesador Intel Atom Z3735F de catro núcleos a 1,33 GHz, 2 Gb de memoria RAM, 32 Gb de almacenamento integrado, lector de tarxetas 3 en 1, gráfica compatible con DirectX 11 e OpenGL 4.3, porto Fast Ethernet, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, saída HDMI e 3 portos USB 2.0, que destaca por ser compatible VESA (facilitando que poida colocarse na parte traseira dun televisor ou monitor) e por incluír Windows 8.1 (con Bing) preinstalado, simplificando enormemente a súa configuración.
Este equipo está xa á venda por un prezo de menos de 180 euros, polo que pode resultar unha boa opción para os que queira levar a oficina no peto, converter o seu televisor nun centro multimedia ou transformar un monitor informático nun equipo todo-en-un moi económico. Esta solución tamén pode resultar atractiva para poder gozar de xogos de Steam reproducidos remotamente dende un ordenador máis potente, facilitando achegar grandes títulos ao salón doméstico sen ter que trasladar un voluminoso e anti-estético equipo informático a un comedor.

Este novo mini-ordenador é compatible VESA, polo que pode colocarse de xeito doado na parte traseira dun televisor ou monitor


Vídeo de presentación dos novos Zbox Pico

PUBLICIDADE