eFootball 2022 non terá versión 1.0 até primavera

venres, 5 de novembro do 2021 Marcus Fernández

A transformación do xogo de pagamento Pro Evolution Soccer nun título free-to-play multiplataforma non comezou con bo pé, e eFootball 2022 non só estaba a chegar de xeito progresivo, senón que presentaba tanto fallos que dende Konami tiveron que admitir que non poderán cumprir coa promesa de lanzar a versión 1.0 do xogo o 11 de novembro, que quedaría adiada até primavera de 2022, polo que podemos dar esta tempada por perdida.
A compañía nipoa recoñece terse esforzado para ter o título listo a tempo, pero chegaron á conclusión de que precisan de máis tempo para poder entregar un produto que estea á altura das expectativas dos xogadores, e sendo conscientes da situación actual do xogo decidiron cancelar as reservas do Premium Player Pack, que incluía elementos para o xogo que estarían presentes tras o lanzamento da versión 1.0.
Konami centrará agora os seus esforzos en arranxar o xogo mediante sucesivas pequenas actualizacións, até que leven ao eFootball 2022 a unha situación que permita que o xogo poida dar o salto a móbiles e evolucionar nun xogo que poida considerarse digno.

PUBLICIDADE