iStick, a unidade de memoria USB compatible cos dispositivos móbiles de Apple

martes, 13 de maio do 2014 Marcus Fernández

¿Que ten que facer un produto lanzado a través de Kickstarter para completar o seu financiamento en apenas dúas horas? A resposta parece clara: ofrecer algo que o público busca e que non pode atopar no mercado. E boa proba disto é o iStick, un trebello que nun par de horas superou os 100.000 dólares que buscaba para completar o seu financiamento, e que conseguiu triplicar tal cantidade pouco tempo despois, resultado bastante abraiante se temos en conta que aínda faltan 34 días para que remate a campaña de captación de fondos.
En vista de tal éxito, HYPER, a compañía detrás do iStick, decidiu comezar xa a produción do seu novo trebello, para ser capaz de atender á demanda dentro de cinco semanas, pois parece que o que anuncian como a primeira unidade flash USB do mundo que integra conector lightning para poder empregarse en iPhone, iPod Touch ou iPad resulta moi atractiva para os usuarios de dispositivos móbiles de Apple.
O iStick sería unha memoria USB que por un lado contaría cun conector USB 2.0 (para poder conectala ao ordenador para cargarlle contidos) e, polo outro, un conector lightning (para conectalo ao dispositivo con iOS). Esta solución serviría para transferir música do ordenador aos dispositivos móbiles de Apple (ou incluso reproducir directamente dende a unidade) sen ter que sincrolizar a través de iTunes ou empregar un servizo de streaming; permite copiar as fotografías do iPhone á unidade de memoria para poder liberar espazo no móbil; permite a reprodución de vídeos almacenados no iStick (grazas á aplicación oficial deste accesorio); e incluso serve para poder ver documentos ofimáticos en iOS a través dun visor específico. Aínda que a meirande parte das funcionalidades dependen da aplicación oficial do iStick, é posible forzar a apertura dos documentos na unidade de memoria dende outra aplicación, conseguindo o máis parecido que podemos conseguir a ter un porto USB nun iPhone ou iPad.
O iStick ten unhas medidas de 51,6 x 28,6 x 9,1 milímetros, pesa 10 gramos e venderase en capacidades que van dende os 8 ata os 128 Gb con prezos que parten dos 79 aos 299 dólares (65 e 226 euros con portes respectivamente), prezos que suporán unha rebaixa substancial sobre o prezo final que terá o produto cando se venda posteriormente. Está previsto que os mecenas comecen a recibir os seus iSticks a partir do mes de agosto.

PUBLICIDADE