nVIDIA presenta as súas novas tarxetas gráficas de alta gama

luns, 30 de abril do 2012 Marcus Fernández

Para deixar claro que o nivel gráfico que permiten os xogos para PC está moi por diante do que actualmente ofrecen as consolas de videoxogos nVIDIA anuncia a súa nova tarxeta GeForce GTX 690, que promete ser a máis rápida no mercado de consumo, con procesador dual Kepler, 4 Gb de memoria GDDR5 de 512 bits a 6 Gbps, 3.072 núcleos CUDA, PCI Express 3.0, 3 saídas de vídeo DL-DVI e 1 Mini-DisplayPort 1.2, un marco exterior de aluminio cromado, un sistema de entrega de enerxía de alta eficiencia (para reducir o calor xerado) e optimizado para unha boa disipación térmica e unha minimización do ruído xerado, destacando polo feito de que será posible configurar dúas tarxetas deste tipo nun mesmo equipo para conseguir un rendemento sen precedentes.
Pero tal potencia gráfica non resulta económica, e estas tarxetas gráficas que saen á venda o 3 de maio (normalizándose a distribución a partir do día 7) custarán uns 999 dólares (754,69 euros). Como exemplo da forza bruta destas gráficas está o feito de que permitirían conectar ata 3 monitores para poder empregar un xogo cunha importante carga gráfica a unha resolución de 5.760 x 1.080 píxeles, sendo tamén compatible con lentes nVIDIA 3D Vision.

Para levar o nivel gráfico ao máximo é posible conectar 2 tarxetas nVIDIA GeForce GTX 690 nun mesmo equipo

PUBLICIDADE