nVIDIA presenta unha consola de videoxogos baseada en Android TV

mércores, 4 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Dende nVIDIA levan un tempo procurando revolucionar o sector dos videoxogos mediante o aproveitamento de tecnoloxías do máis variado, en vez de limitarse á imposición das grandes consolas de videoxogos, e no marco da Games Developers Conference (GDC) realizou grandes anuncios entre os que destaca un novo dispositivo da familia SHIELD que busca converterse nunha consola doméstica baseada en Android.
Esta nova consola nVIDIA SHIELD funcionaría cun procesador nVIDIA Tegra X1, gráfica nVIDIA Maxwell de 256 núcleos, 3GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno, capacidade de vídeo 4K podendo incluso reproducir e capturar vídeo nesta resolución a 60 cadros por segundo (facendo uso dos codificadores VP9, H.265 e H.264), audio 7.1 e 5.1 a través de HDMI, Wi-Fi AC de dobre banda, Bluetooth 4.1, Gigabit Ethernet, HDMI 2.0, 2 portos USB 3.0, 1 porto micro USB 2.0, lector de tarxetas microSD e receptor de infravermellos, que só mediría 21 x 13 x 2,5 centímetros, pesaría 654 gramos e consumiría 40 watts. O seu prezo de venda en maio agárdase que sexa duns 199 dólares, e entre os accesorios que poden mercarse para o trebello estarían un mando a distancia que permite dar instrucións mediante a voz, un soporte para manter a consola en vertical e mandos de xogos adicionais (que custarían 59,99 dólares).
Pero esta solución non só funcionaría con Android, senón que estaría baseada en Android TV, sería compatible con Google Cast e tamén incluiría a aplicación Plex, de xeito que sería tanto unha potente consola de videoxogos como un grande centro multimedia para o salón.
Durante a presentación deste produto o director xeral de nVIDIA, Jen-Hsun Huang, amosouse satisfeito o seu “primeiro dispositivo para o lecer no salón”, non dubidou ao situar este tipo de desenvolvemento como un produto de transición, xa que pensa que moitos dispositivos dedicados rematarán sendo substituídos por aplicacións (como aconteceu cos navegadores GPS) de aí que opten por crear unha consola que funcione con Android TV, adiantándose ao momento no que os propios televisores integrarán toda esta tecnoloxía, e farán innecesarios os accesorios externos.
A consola nVIDIA SHIELD será especialmente atractiva para quen teña un televisor de ultra alta definición e queira gozar dalgún dos servizos que ofrezan contidos a tal resolución, podendo tirarse do trebello tamén un grande proveito nos videoxogos, para o que estrarase a consola con máis de 50 xogos para Android que aproveitan a potencia de SHIELD, de xeito que os xogos terían un nivel gráfico á altura de ordenadores persoais e consolas de nova xeración, lonxe do que vemos habitualmente en dispositivos móbiles.
Entre os xogos para Android que amosarán grandes gráficos en SHIELD destacan grandes títulos como Borderlands: The Pre-Sequel, War Thunder, Doom 3: BFG Edition, Resident Evil 5, Crysis 3 e Metal Gear Rising: Revengeance; aínda que outra fonte de xogos para o trebello podería ser a nova plataforma de xogo na nube de nVIDIA, GRID, que conta con títulos como Batman: Arkham Origins, GRID 2, Metro Last Light Redux e LEGO Marvel Super Heroes; tamén será posible facer streaming de grandes superproducións como The Witcher 3: Wild Hunt, Metal Gear Solid V: Ground Zeroes, Dying Light, Resident Evil: Revelations 2, Tierra Medioa: Las Sombras de Mordor e Batman: Arkham Knight.


Vídeo promocional da nova consola nVIDIA SHIELD

PUBLICIDADE