20 anos da revista Código Cero

venres, 7 de xaneiro do 2022 Xosé María Fernández Pazos

Xosé María Fernández Pazos, Xavier Alcalá, Carlos Ballesteros e Marcus Fernández na primeira gala na que se recoñeceu cun galardón a iniciativa de Código Cero

A primeiros do ano 2000 emitíase na radio pública do país un programa sobre novas tecnoloxías. Levaría por nome Código. Había, sen embargo, un problema á hora de falar das TIC: os enderezos das páxinas web eran moi complicados para que os oíntes puideran collelos, rexistralos. Para superar esa eiva, un dos colaboradores do programa creou un espazo na Internet a xeito de bitácora no que daba conta das novas tecnolóxicas. Ademais servía como plataforma para un boletín informativo de carácter diario e outro semanal, cun resumo en catro páxinas nun ficheiro PDF. Esta iniciativa acadou recoñecementos e galardóns, e fixo que os seus fundadores, Carlos Ballesteros, Marcus Fernández e Xosé María Fernández Pazos, nos animaramos a facer unha revista impresa, acompañados dun grupo de amigos e colaboradores entusiastas do mundo TIC.
Aquela publicación levaría o nome de Código Cero, por aquilo do código binario, e hoxe vinte anos despois chega o seu número 222. Cando lanzamos aquel primeiro número en formato tabloide houbo quen afirmou que non durariamos nin dous meses, xa que unha revista en galego e de novas tecnoloxías era inviable no noso pais. Argumentos nos lles faltaban, xa que en realidade Código Cero e o seu irmán maior codigocero.com, existen pola vontade dos seus colaboradores e por vinte anos de esforzo, ilusión e moito, moito traballo por manter unha publicación que hoxe é referente en Galicia, e que ademais está na nosa lingua.
Seguimos crendo neste país na súa xente, nas súas empresas, nos seus emprendedores, nas súas organizacións, institucións, asociacións e nas súas administracións que manteñen viva a chama deste proxecto pioneiro. Código Cero continuará saíndo a diario no seu portal web e mensualmente en revista para contar e berrar que Galicia ten moito que dicir e aportar en novas tecnoloxías nun mundo globalizado. Parafraseando o egrexio galego Alvaro Cunqueiro, permítannos dar «Mil grazas por estes máis de 7.300 días de traballo, esforzo e ilusión e o noso desexo de polo menos ter outros tres mil días mais na nosa lingua».

PUBLICIDADE