A Academia Galega do Audiovisual analiza esta semana a situación da TDT en Galicia

martes, 27 de novembro do 2007 Marcus Fernández

Marisela Lens, María Bouzas e Xaime Fandiño presentando as xornadas sobre a TDT

María Bouzas, presidenta da Academia Galega do Audiovisual, e Xaime Fandiño, un do coordinadores do Foro Academia Aberta, presentaron en Santiago de Compostela unhas xornadas sobre a situación da televisión dixital na comunidade galega máis de 2 anos despois do outorgamento das concesións de licenzas de TDT en Galicia e cando faltan menos de 2 anos e medio para o apagamento analóxico.
Esta 5ª edición do Foro Academia Aberta responderá ó título de A televisión dixital en Galicia: novas tecnoloxías, novos servizos, e desenvolverase durante os vindeiros xoves e venres no Hotel NH Obradoiro de Compostela, buscando servir de foro para responder ás principais preguntas sobre as novas licenzas televisivas (4 autonómicas e 45 locais).
Nas xornadas participarán expertos a nivel estatal e galego, que describirán a situación da TDT nos distintos ámbitos territoriais, e abrirán coa presentación de 2 guías titoriais sobre a TDT elaboradas polo equipo de expertos da Oficina Técnica da TDT en Galicia para facilitar ós actuais concesionarios de licenzas de TDT local o desenvolvemento dos seus proxectos en tecnoloxía dixital.

Programa da xornada do xoves 29

A mañá do xoves 29 está reservada ás intervencións de Alejandro Perales, Presidente da Asociación de Usuarios da Comunicación e membro do Foro Técnico da Televisión Dixital Terrestre, quen falará sobre a situación actual da televisión dixital en España, e de Francisco Campos, Profesor Titular de Xestión da Empresa Informativa e Audiovisual da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, quen se centrará na comunidade galega.
O bloque da mañá rematarase coa mesa redonda TDTs locais, as empresas dos grupos editoriais, na que participarán Xosé Manuel Dapena, Director de Marketing de El Ideal Gallego; Antonio Rodes, Director Xeral de EPI Radio TV, de Editorial Prensa Ibérica (editora do Faro de Vigo); Marga Soilán, Directora de Telelugo, do Grupo El Progreso; Luis Pérez, Director de El Correo TV, do Grupo El Correo Gallego, e Gerardo Iracheta, Director Xeral de Local Media TV.
A tarde comeza con outra mesa redonda, TDTs locais, as empresas independentes e casos singulares, coa presencia de Isidro Blanco Cortizo, Conselleiro Delegado de Dezavisión; Javier Otero Llovo, Director de Localia TV Galicia, e Fidel Fernán, Presidente-Director Xeral de A 7 TV e Radio Principal SA.
As últimas intervencións do día corren a cargo de Xosé María Besteiro, Director de Distrivisión, baixo o título Distribución de contidos para televisión dixital e Ricardo Domingo, Director de Barcelona Televisió, do Grupo ICB, cun relatorio sobre Barcelona Televisió, unha televisión pública local de éxito.

Programa da xornada do venres 30

O segundo día arrinca coas presentacións e debate dos plans de acción dos concesionarios das TDTs autonómicas, na mesa redonda As concesións de TDT autonómica en Galicia. Participan Jesús Manuel Iglesias, Director-Xerente da TVG; Carlos Carballo, Responsable de TDT de Voz Audiovisual; e Rafael Ramos Barbosa, Responsable de TDT de Popular TV-Cope.
As televisións públicas locais no tránsito ao dixital da nome á seguinte sesión, na que expoñen os seus casos Juan Carlos Ojea, Director de Canal Tea, en Ponteareas, e Xosé Montero, Director de As Pontes TV.
O remate da mañá resérvase á mesa redonda As asociacións de profesionais do audiovisual galego ante a televisión dixital, coa presenza de portavoces da AAAG (Asociación de Actores e Actrices de Galicia); AGAG (Asociación Galega de Guionistas); APRADOGA (Asociacións de Profesionais da Rama Artística da Dobraxe de Galicia) e CREA (Asociación de Directores e Realizadores de Galicia).
Na tarde, Os novos consumos televisivos recolle o caso da empresa de televisión por Internet VIVOCOM explicada polo seu Director Xeral, Raúl de la Cruz, e a proposta dunha televisión de Caixa Galicia, por parte do Director de Marketing da entidade financeira, Jorge Mahía, quen describirá o papel da televisión no posicionamento dunha marca.
Na derradeira sesión do Foro, as asociacións de empresas do audiovisual galego amosarán a súa posición e estratexia ante a televisión dixital, e para isto contarase coas achegas de representantes de AEGA (Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual), AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes) e CLAG (Clúster Audiovisual Galego).

PUBLICIDADE