A Cámara de Santiago móstranos como usar a IA na mercadotecnia dixital

xoves, 27 de xuño do 2024 S. P.

A Cámara de Santiago vai organizar este mes de xullo unha nova xornada de transformación tecnolóxica para pemes abeirada ás actividades do Kit Dixital. Trátase do seminario en liña Como utilizar a Intelixencia Artificial para potenciar as miñas accións de marketing dixital en redes sociais.
Será o 3 de xuño en horario de mañá, de 10.00 a 11.30 horas. Arrincará coa presentación da Oficina Acelera Peme para o Kit Dixital, iniciativa de Red.es na que colaboran entidades de todo o ámbito estatal, entre as que se atopa a Cámara de Comercio de Santiago.
Abordaranse contidos como o concepto de IA, as novas ferramentas de IA (creación de imaxes, creación de vídeos, IAs de son, voz e música), como aprender a falar cunha IA, aplicacións da IA en mercadotecnia dixital (análise de mercado, redacción de textos publicitarios, redacción de posts para o noso blog), creatividade gráfica asistida por IA (imaxe e vídeo), creación de música libre de dereitos, a Intelixencia Artificial e o posicionamento e a análise de datos usando ferramentas avanzadas. Tamén se abordará o impacto da IA na mercadotecnia dixital: a nova era da procura e procesamento da información.
O curso será impartido por Javier Rocamora García, consultor autónomo especializado e con dilatada experiencia en mercadotecnia dixital, xestión de redes sociais e comercio electrónico desde 2008, operando baixo a marca comercial Las 3 en Punto.

PUBLICIDADE