A Deputación da Coruña financia dúas cooperativas de mercadotecnia dixital en Boiro e As Pontes

luns, 17 de xaneiro do 2022 S. P.

A Deputación da Coruña, a Fundación Paideia Galiza e a EOI anunciaron as iniciativas finalmente gañadoras do Concurso de Proxectos Cooperativistas do sector do Márketing Dixital, un certame que ten entre os seus obxectivos 60.000 euros entre as máis destacadas iniciativas de emprendemento coworker. As destinatarias dos galardóns déronse a coñecer este venres 14 de xaneiro, na sede coruñesa da Fundación Paideia Galiza. Trátase de Kracia e Iceberg 360, cuxo arranque e despegue será financiado pola Deputación.
O acto contou coa participación de José Ramón Rioboo, deputado de Transición Ecolóxica e Emprego; Nieves Olivera, directora xeral da EOI, Goyo Panadero, director de Comunicación, Marca e Reputación de Ernst&Young; Antón Ínsua, secretario técnico de Coop57 Galiza; e Guillermo Vergara, vicepresidente da Fundación Paideia Galiza. Na cita tamén interveu o músico galego Marcelo Dobode, participante no Coworking en Emprendemento Musical que o pasado ano organizaron Fundación Paideia Galiza e a Fundación EOI.
A formación Marketing Dixital, Empregabilidade e Cooperativismo, desenvolvida nos municipios das Pontes e Boiro, estivo organizada pola Escola de Organización Industrial (EOI), a Fundación Paideia Galiza e a Deputación, coa colaboración de Ernst&Young e dos concellos mencionados, e co financiamento do Fondo Social Europeo.
Os mozos e mozas promotores de Kracia, Iceberg 360 tiveron ocasión de presentar e defender os seu proxectos de cooperativas no sector da mercadotecnia dixital tras meses recibindo clases nesta formación.
Despois de deliberar, o xurado seleccionou a Kracia, de Boiro, e Iceberg 360, das Pontes, como gañadoras do concurso. Ambas propostas de cooperativas recibirán agora o apoio financeiro da Deputación da Coruña para poñerse en marcha durante este ano 2022.
As achegas provinciais ascenden a 60.000 euros e inclúen o pago de salarios e gastos de constitución. Ademais, durante todo este ano, as cooperativas contarán co asesoramento da consultora internacional Ernst&Young para a xestión e o desenvolvemento comercial.
Durante o encontro, o deputado de Emprego e membro do xurado, José Ramón Rioboo, destacou que “as persoas emprendedoras e empresarias son o motor de desenvolvemento económico desta provincia”. E engadiu: “Son todos eles e elas os que xeran novos postos de traballo, modernizan o noso tecido empresarial e, en definitiva, contribúen ao benestar da cidadanía e ao progreso económico”.
Esta iniciativa abéirase á liña de traballo da Deputación que se materializa no seu apoio á mocidade, ofrecendo a mozos e mozas as ferramentas necesarias para que se formen nun eido con amplas perspectivas laborais como é a mercadotecnia dixital e “sempre fomentando a economía social, impulsando a creación de novas cooperativas”.

PUBLICIDADE