A Deputación da Coruña súmase ás celebracións da Semana Europea da Ciberseguridade
mércores, 9 de outubro do 2019
Rematou
o verán e o traballo incansábel para acadarmos unha información e
unhas comunicacións máis e mellor protexidas, ao tempo que
accesíbeis, entra nun relevante pico de actividade. Neste
pico insírese unha das novas iniciativas de Europe Direct A Coruña,
centro oficial de información da Comisión Europea pertencente á
Deputación da Coruña, que organiza durante os meses de outubro
e novembro a acción Eu♥Ciberseguridade, no marco da Semana
Europea da Programación #CodeWeek,
unha iniciativa impulsada pola Comisión Europea dentro do Plan de
Acción de Educación Dixital e da estratexia para construír un
mercado único dixital.
Ao
abeira da adhesión de Europe Direct á campaña #CodeWeek, a
entidade organizará unha serie de obradoiros e charlas de
sensibilización sobre o uso seguro e responsábel das TIC. Os
obradoiros están dirixidos a un público novo, con idades
comprendidas entre os 9 e os 14 anos, e terán dúas edicións. A
primeira edición celebrarase os venres 18 e 25 de outubro en horario
de 17:30 a 19:30 h. A segunda edición realizarase os venres 8 e 15
de novembro, no mesmo horario. A través desta actividade os mozos
“aprenderán a identificar contidos falsos, coñecerán os
ciberataques e estafas online máis empregadas na actualidade
e saberán xestionar correctamente a privacidade e a súa reputación
dixital”.
Pola
súa banda, as charlas para adultos, diríxense a pais, nais ou
outros familiares do alumnado participante, educadores e técnicos de
información xuvenil, co obxectivo de que poidan acompañar aos
menores no seu contacto diario coas tecnoloxías TIC. Así, informan
a Deputación, “coñecerán ferramentas para o seguimento da
actividade dos menores, métodos de defensa fronte a virus e fraudes,
ou como reaccionar tras un ataque á seguridade”. A primeira
celebrarase o 25 de outubro de 2019, en horario de 17:30 a 19:30 h, e
a segunda xeira será o 15 de novembro de 2019. As actividades
impartiranse na Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña (Rúa
Rego de Auga 37, A Coruña).