A Deputación da Pontevedra achega aos concellos unha exhaustiva guía sobre xestión do lixo electrónico

xoves, 7 de xaneiro do 2021 S. P.

A Deputación de Pontevedra segue a dar pasos para fomentar nos municipios a máxima sustentabilidade en materia de RAEE, que son as siglas de Residuos Eléctricos e Electrónicos. Froito deste compromiso, está a acompañar aos concellos na adaptación das súas normativas sobre refugallos coa edición dunha guía sobre xestión de lixo electrónico. Esta ordenanza está a disposición dos 61 municipios da provincia así como das cámaras municipais do norte de Portugal.
O documento está pendurado no portal web do proxecto europeo ESTRAEE e consiste nunha “completa proposta” que permitirá aos entes locais que o desexen “adaptar as súas normativas municipais sobre residuos para o tratamento dun tipo específico de lixo extremadamente contaminante e cada vez máis presente”.
O modelo de ordenanza debulla, ao longo de 31 páxinas a importancia de tratar de maneira axeitada este tipo de residuos, que, segundo lembra a Deputación, “en España medran ao ritmo dun 12% ao ano e cuxa xestión está regulada por unha directiva europea dende 2012 e un real decreto estatal dende 2015”. Ao abeiro deste desafío, a Deputación decidiu impulsar o proxecto transfronteirizo ESTRAEE, financiado con fondos INTERREG, dentro do programa POCTEP, cun orzamento total de 2.145.000 euros, para impulsar o cumprimento deste marco legal na nosa provincia.
O primeiro froito do programa foi a reconversión de nove puntos limpos que dan servizo a 11 concellos (Vilagarcía de Arousa, Meaño, A Lama, Silleda, Ponteareas, A Guarda, Gondomar, Nigrán e o da Mancomunidade do Morrazo, que atende a Cangas, Bueu e Moaña).
En detalle, a ordenanza aclara que deben considerarse como RAEE tódolos aparellos de aire acondicionado, monitores, lámpadas, tubos fluorescentes, grandes aparellos informáticos de informática, telecomunicacións, luminarias, reprodución de son ou imaxe, equipos de música, ferramentas eléctricas, xoguetes, equipos de lecer, produtos sanitarios, equipos de vixilancia e control, máquinas expendedoras, equipos de xeración eléctrica, pequenos equipos de informática, paneis fotovoltaicos de máis de 50 centímetros e pilas e teléfonos móbiles.

PUBLICIDADE