A Deputación de Pontevedra reforza a formación continua en eAdministración para os concellos

martes, 19 de xuño do 2018 Redacción

A Deputación de Pontevedra quere ampliar as posibilidades da solución Gestiona, destinada aos concellos da provincia adheridos ao servizo de Administración Electrónica impulsado pola institución provincial. Por este motivo, vén de aprobar a adxudicación do plan de mellora continua da solución, un plan que incluirá preto de 200 accións formativas centradas en dar resposta ás demandas formuladas polos consistorios respecto ao devandito servizo de goberno dixital.
Estas medidas serán impartidas pola firma Espublico Servicios para la Administración e inclúen un orzamento de 90.000 euros.
A Deputación de Pontevedra, a través de Gestiona, vai promover de 2 a 5 xornadas formativas por cada un dos 53 concellos adheridos ao proxecto de eAdministración impulsado pola entidade que preside Carmela Silva.
Como lembraremos, o obxectivo de Gestiona é adestrar e capacitar en cuestións relativas ao emprego das novas tecnoloxías, así como asesorar de xeito especializado en materia de integración coas ferramentas da Administración Xeral do Estado. Ademais, con estas xornadas tamén se pretende achegar un acubillo de mellora continua e contribuír a que os concellos poidan adaptarse e dar cumprimento ás obrigas marcadas pola Lei 39/2015, que entrará en vigor en outubro de 2018.

PUBLICIDADE