A PSPgo estrearase cun inmenso catálogo de contidos

luns, 28 de setembro do 2009 Marcus Fernández

Sony anunciou que a PSPgo chegará ao mercado norteamericano con preto de 16.000 contidos descargables a través da PlayStation Store este mesmo xoves, dos que 225 sería xogos descargables, 2.300 serían películas e 13.300 corresponderían a series de televisión.
Dende Europa aínda non sabemos cantos serán os contidos audiovisuais que chegarán ao noso mercado, pero no tocante aos xogos é de agardar que o catálogo sexa moi semellante, incluíndo títulos coma Gran Turismo, Soulcalibur: Broken Destiny e Godo f War: Chains of Olympus dende o primeiro día, de xeito que os consumidores que queiran facerse coa nova portátil de Sony non terán queixa da oferta de xogos dispoñibles para a mesma.
Aparte dos videoxogos de PSP que estarán dispoñibles para a PSPgo, agárdase que cheguen esta mesma semana 15 xogos Minis (pequenos xogos que pretenden competir co iPhone e o iPod Touch, como unha alternativa económica aos xogos tradicionais) que chegarían aos 50 títulos antes de rematar o ano.

PUBLICIDADE