A RAGC e GAIN convocan a sétima edición do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

martes, 3 de maio do 2022 S. P.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN), convocou a sétima edición do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas, destinado a galardoar unha peza xornalística de carácter científico ou tecnolóxico. A través deste certame lánzase un convite a participar ás/aos xornalistas de medios de comunicación galegos, ou edicións en Galicia de medios estatais. A proposta consistirá nunha peza xornalística de carácter informativo, en formato escrito ou audiovisual, publicada ou emitida entre o 1 de xuño de 2021 e o 20 de maio de 2022 en diarios dixitais ou en papel, radio ou televisión.
O premio será de 3.000 euros para o traballo gañador. Ademais, concederase un accésit premiado con 1.000 euros para o segundo traballo mellor valorado. O prazo de presentación rematará o 20 de maio.
O obxectivo deste recoñecemento, “ante o papel determinante que exercen a ciencia e as tecnoloxías no desenvolvemento económico e o benestar social dun país”, é distinguir e visualizar ás persoas que traballan por levar este coñecemento á cidadanía. “Comunicar a ciencia á sociedade galega, facéndoa partícipe dos achados científicos e tecnolóxicos e/ou as súas aplicacións, así como tamén os casos de transferencia de coñecemento ás empresas galegas, convértese nunha prioridade para que ese papel dominante do coñecemento implique a todas/os as galegas e os galegos”, sinala a RAGC a respecto deste premio, salientado o potencial dos medios de comunicación para contribuír dun xeito decisivo a acadar este obxectivo.

PUBLICIDADE