A Secretaría Xeral da Lingua distingue cinco proxectos innovadores

xoves, 27 de xuño do 2024 S. P.

O festival de peche de curso de Aquí tamén se fala, proxecto recoñecido na convocatoria

A Secretaría Xeral da Lingua e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa resolveron a convocatoria de participación nos proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística para os centros docentes de titularidade pública da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades durante o curso académico 2023/2024. Seleccionáronse cinco proxectos considerados excelentes máis dúas mencións de honra.
Entre estes proxectos excelentes inclúese Aquí tamén se fala, impulsado polo Instituto IES Rafael Dieste da Coruña para promover o uso do galego. Trátase dunha campaña de marcada vertente dixital, xa que entre as súas facianas visíbeis atópase a web aquitamensefala.com e unha serie de vídeos subidos ás redes sociais nos que importantes persoeiros da cultura e doutros ámbitos expresan o seu apoio á nosa lingua. Por exemplo Viggo Mortensen, James Rhodes ou Tanxugueiras.
Tamén se inclúen os seguintes proxectos excelentes:

Proxecto

Centro

Concello

Provincia

Non só é lume

IES A Cachada

Boiro

A Coruña

Fai un trato co galego!

CEIP de Prácticas López Ferreiro

Santiago de Compostela

A Coruña

A memoria das palabras

IES Fontem Albei

A Fonsagrada

Lugo

Abrazando a diversidade lingüística

CEIP Plurilingüe de Tenorio

Cerdedo-Cotobade

Pontevedra

Cada un destes cinco proxectos recibirá unha dotación económica de 2.000 € para o centro ou centros. O profesorado implicado activamente no seu desenvolvemento recibirá unha certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa, cunha equivalencia de 30 horas de formación permanente do profesorado para a persoa coordinadora e de 20 horas para o profesorado participante, alén de apoio e asesoramento no seu desenvolvemento e a difusión a través da rede e da páxina web da Secretaría Xeral da Lingua.
Dous son os proxectos aos que se lles concede unha Mención de Honra:

Proxecto

Centro

Concello

Provincia

Son das flores, música para a transformación

CEIP Vicente Risco

Vigo

Pontevedra

PaliquéochoEU

CEE María Mariño

A Coruña

A Coruña

PUBLICIDADE