A UDC, a USC e o CESGA achegan unha nova edición do Máster HPC

martes, 14 de xullo do 2020 Sonia Pena

O vindeiro curso 2020/2021, a Universidade da Coruña (UDC) e a Universidade de Santiago (USC), en colaboración co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) continuarán ofertando o Mestrado en Computación de Altas Prestacións (Máster HPC). O mestrado consta de 60 créditos, polo tanto a súa duración correspóndese co desenvolvemento dun curso académico. O seu obxectivo é adestrar os futuros profesionais no eido da arquitectura de computadores e o High Performance Computing. Tirarase proveito de recursos innovadores do CESGA (como o supercomputador Finisterrae, cos seus máis de 7.000 cores) e máis das vantaxes dunha “estreita conexión coa industria, tanto local como internacional”.
Pode ser cursado tanto de forma presencial como a distancia e ten un custo aproximado duns 900 euros. Esta formación avanzada en cómputo de alto rendemento ten web de seu, onde podemos atopar información práctica sobre os contidos e sobre o proceso de admisión e matrícula.
Na Universidade da Coruña, o primeiro prazo de preinscrición rematou o 10 de xullo, aínda que haberá outros prazos de preinscrición máis adiante en agosto e setembro. Na Universidade de Santiago de Compostela existe un único prazo de preinscrición que empeza o 6 de xullo e remata o 20 de agosto.
O mestrado conta coa colaboración de HPC Now!, IBM, HPE, Atos, Gompute, Amazon Web Services, Microsoft Azure e a empresa galega Torusware.

PUBLICIDADE