A UDC edita unha revista con feitura blog para difundir o coñecemento entre a sociedade

venres, 3 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

As redes xa non só lle dan fondo ás publicacións tradicionais, é que tamén lle dan feitura. Este foi precisamente o obxectivo dos responsables da revista U+S que vén de editar a Universidade da Coruña a través da Vicerreitoría de Cultura: falar de cuestións vinculadas á innovación e con formato de innovación. A revista, que xorde co obxectivo de servir como ferramenta de achegamento entre a entidade académica e o contorno social e empresarial da Coruña e Ferrol, ten un claro compoñente de divulgación dos logros científicos do noso tecido investigador. Isto, con todas as dificultades que até o de agora obstaculizaban o camiño (certa desconexión e falta de diálogo entre a sociedade en xeral e a comunidade científica), pretenden levalo a cabo os responsables da publicación a través do aproveitamento de canles que xa son de uso popular. Así, non é casualidade que a revista teña aspecto de blog, tanto para facilitar o seu manexo como para facer máis doada a súa lectura.
Segundo informa a UDC, o traballo en cuestión, que se presentou na mañá deste venres 3 de xullo, ofrece un abano do labor que se desenvolve nos campus, nun tempo no que a Universidade non só aposta pola docencia de calidade, senón tamén pola investigación e a transferencia tecnolóxica e de coñecemento, bases do que ben podería ser a solución máis firme para os problemas económicos e produtivos que vive arestora o mundo. Dito doutro xeito: a cabeceira nace con vocación de ser unha ferramenta para incrementar a competitividade das empresas da contorna, sexan do sector que sexan.
Liña moderna e innovadora
Nun eido máis concreto, dicir que U+S é un proxecto posto en marcha en colaboración co Consello Social da Universidade, órgano encargo de visibilizar o contacto coa sociedade. A liña que segue a publicación é, como dixemos, moderna e innovadora, orientándose todos os elementos dispostos a ir alén da comunicación universitaria para abranguer outros ámbitos e espallalos plenamente. Gráfica e conceptualmente, sosteñen os seus responsables, quere sumar campus e sociedade, encaixando perfectamente na visión e nos obxectivos do Consello Social.
Polo que respecta aos contidos, dicir que o abano semella ben variado: ofrécense artigos de opinión, entrevistas e reportaxes sobre aspectos tan diversos como a experiencia profesional de titulados que teñen acadado o éxito profesional nas súas diferentes áreas ou se dedican a algunha actividade especial despois de pasar polas aulas.
Máis polo miúdo, inclúese reportaxes sobre o último Observatorio Ocupacional, entrevistas co presidente do Consello Social (Antonio Abril) e o vicerreitor de Relación Universidade-Empresas (Luís Barral), artigos de opinión dos vicerreitores de Cultura e Comunicación, Luís Caparrós, e de Investigación, Concepción Herrero, ou completos informes sobre proxectos de investigación (o labor da OTRI e do viveiro de empresas da Universidade ou de firmas externas como Begano, “un dos buques insignia no tecido empresarial coruñés que cumpre arestora o seu 50 aniversario”).
A UDC distribuirá 2.000 exemplares en papel ecolóxico entre institucións e empresas da área metropolitana da Coruña e Ferrol e, en forma de newsletter aos membros da comunidade universitaria coruñesa.

PUBLICIDADE