A USC, entre as universidades con mellor taxa de transferencia de coñecemento

martes, 17 de setembro do 2019 Redacción

A Universidade de Santiago vén de obter un importante recoñecemento ao seu pulo innovador, á súa capacidade para beneficiar ás empresas cos seus achados e á súa excelencia educativa. Segundo se desprende do último ránking sobre as universidades españolas que vén de publicar a Fundación CYD (no que se recollen datos do conxunto de España, por comunidades e universidades), a USC mantense entre as institucións académicas superiores con mellor taxa de rendemento nos eidos da investigación e transferencia de coñecemento, no que atinxe a concesións de patentes, ingresos por licencias, publicacións interdisciplinares e internacionais, así como en captación e liquidación de fondos.
Na elaboración deste estudo están incluídos datos de 73 universidades públicas e privadas ao tempo que se analizan resultados de 23 ámbitos de coñecemento e 2.522 titulacións.
O citado traballo sitúa a institución académica compostelá entre as universidades españolas con máis publicacións con impacto internacional e tamén no grupo de cabeza das institucións con máis investigacións citadas en patentes e tamén entre as que captan máis ingresos por licencias. Estes tres parámetros empregados pola Fundación CyD para a elaboración da súa listaxe proban, en palabras da institución compostelá, “o compromiso e o bo facer da USC en canto a transferencia do coñecemento á sociedade se refire”.

PUBLICIDADE