A Wii U con 8 Gb de disco só deixaría 3 Gb de espazo libre para o usuario

xoves, 15 de novembro do 2012 Marcus Fernández

A Wii U chega ás tendas o vindeiro día 30

O vindeiro día 30 porase á venda en España a Wii U, principalmente en 2 versións: unha básica cunha capacidade de almacenamento de 8 Gb e outra Premium con 32 Gb de almacenamento, varios accesorios e o xogo Nintendo Land. Estes paquetes terán un prezo de 299,95 e 349,95 euros respectivamente, pero cómpre advertir que a versión básica é unha das que demostra o dito de que o barato sae caro, pois estase a dar conta de que a capacidade de 8 Gb dese modelo da nova consola doméstica de Nintendo quedaría reducido a 3 Gb despois da instalación do seu software de sistema e un perfil de usuario, mentres que o modelo de 32 Gb conservría 25 Gb de espazo utilizable.
Este detalle é de vital importancia para o día a día da consola, pois no modelo básico habería xogos que non se poderían instalar na máquina, e incluso títulos como New Super Mario Bros. U, que é bastante cativo, xa ocuparía 2 Gb (ou sexa, que non deixaría espazo para outro xogo máis).
Existe a posibilidade de ampliar a capacidade de almacenamento da Wii U mediante discos duros externos con alimentación independente e capacidade de ata 2 Tbytes, pero resulta evidente que non é o escenario máis práctico para o salón do noso fogar.

PUBLICIDADE