A Xbox One abrirase ao xogo cruzado con outras plataformas

luns, 14 de marzo do 2016 Marcus Fernández

O responsable do programa para desenvolvedores independentes de Xbox, Chris Charla, publicou unha carta aberta sobre novidades do programa ID@Xbox e a vindeira edición da Games Developers Conference (GDC), destacando entre os anuncios realizados o Cross-Network Play, ou sexa, que levarán máis aló a funcionalidade actual que permite que se poidan xogar partidas entre usuarios de Xbox One e ordenadores con Windows 10, de xeiot que agora Xbox LIVE permitirá que compitan en liña xogadores de distintas redes en liña, o que incluiría outras consolas de videoxogos e outras plataformas de xogo en liña para PC.
Un dos primeiros xogos que tirará proveito desta nova funcionalidade de xogo cruzado entre redes será Rocket League, grande éxito de Psyonix que permitirá que os xogadores de Xbox One e PC poidan competir en liña e non desbotan que outras plataformas (PS4?) poidan incorporarse no futuro, o que sería unha grande vantaxe para os xogadores, que poderían competir cos seus amigos con independencia da plataforma de xogos que empreguen.
Outra novidade importante é que a Xbox One soportará en breve a solución aberta de desenvolvemento de xogo MonoGame, o que facilitará a creación de xogos para a consola de Microsoft, estando xa confirmado un título empregando MonoGame (Axiom Verge).
De cara á GDC (encontro que comeza hoxe, aínda que a feira central desenvolverase entre o mércores e o venres) Charla confirmou que Microsoft presentará máis de 40 xogos diferentes de desenvolvedores independentes, nun ano no que xa están programados grandes lanzamentos indie (Cuphead, Below, INSIDE, SuperHot, We Happy Few, Worms WMD e Pit People).

PUBLICIDADE