A Xunta convida a Ineo a participar activamente na elaboración do plan director do sector TIC

mércores, 17 de abril do 2024 S. P.

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo este 17 de abril unha xuntanza con representantes da Asociación de Empresas de Tecnoloxía (Ineo), con quen abordou os traballos que a Xunta vén realizando para elaborar o plan director do sector TIC. Na xuntanza, Lorenzana informou de que este plan estivo en fase de consulta pública no Portal de Transparencia e Goberno Aberto da Xunta desde o pasado 18 de marzo ata o 8 de abril para recoller as achegas da cidadanía e das organizacións e entidades vinculadas a este sector.
Lorenzana lembrou que o tecido TIC foi declarado estratéxico polo Consello da Xunta, xunto coa industria metalmecánica, a automoción, a construción naval, a loxística industrial e o sector forestal-madeira. “Isto”, dixo, “implica que cada eido produtivo vai dispoñer de cadanseu plan director que recolla medidas e mecanismos para impulsar a súa competitividade e posicionamento no actual contexto de transformación dixital e enerxética”.
Na elaboración de cada plan participará o sector privado, representantes dos traballadores e o resto de axentes implicados, polo que Lorenzana convidou a Ineo a facer as súas achegas. Posteriormente, antes da aprobación de cada plan, será necesario o informe do Consello Galego de Economía e Competitividade.
Os plans directores, xunto co Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais, son instrumentos da planificación da política industrial da Xunta, aos que se suma a Oficina Económica de Galicia, dependente do IGAPE, co seu servizo de asesoramento técnico e administrativo para empresas, do cal a conselleira tamén deu conta na reunión.

PUBLICIDADE