A app que nos axuda a mercar o peixe e marisco máis axeitado xa foi obxecto de 1.000 descargas

luns, 17 de abril do 2017 Redacción

A aplicación Non piques, non peques, destinada a favorecer o consumo responsábel e sustentábel de peixes e mariscos, xa foi descargada por un milleiro de persoas. Así o reflectiu os días pasados a Consellaría de Mar, lembrando que se trata dunha ferramenta-guía para axudarnos a mercar produtos “con cabeciña”, poñendo na nosa man datos útiles sobre as vedas, os talles mínimos e o período óptimo de consumo das principais especies da pesca e do marisqueo que se comercializan na nosa terra.
A app fornece información sobre as mellores épocas para mercar e consumir peixe e marisco capturados na costa galega e a súa contorna ao tempo que axuda a identificar de xeito sinxelo, visual e ameno as distintas especies e a coñecer cales están en veda. Como dixemos, abrangue tamén información sobre os tamaños mínimos legais para o seu consumo. “Está composta por 53 fichas individuais das principais especies da pesca e o marisqueo en Galicia e funciona como unha guía sinxela que unha vez descargada se pode consultar sen ter conexión a internet”, sinalou con motivo da súa presentación a Consellería do Mar, engadindo que a descarga é “moi sinxela e totalmente de balde”. Está dispoñíbel para iOS e para Android e para Windows Phone.

PUBLICIDADE