A canle de televisión local lalinense DezTV dá o salto á TDT

venres, 12 de xuño do 2009 Marcus Fernández

DezTV avisou a través de Facebook do inicio das súas emisións a través da TDT

Aínda que finalmente este verán non chega o apagamento analóxico ás emisións de televisión de Santiago de Compostela e o seu contorno iso non impediu que na actualidade na capital de Galicia xa sexa posible recibir a oferta completa de canles (incluíndo as locais Correo TV e Localia) a través da Televisión Dixital Terrestre, e dende Lalín non queren ser menos, polo que a televisión local DezTV vén de anunciar a través de Facebook que xa operan en dixital a través da canle 55 de UHF, o que permitirá que os veciños que teñan orientada a súa antena ao monte do Carrio poidan recibir a programación televisiva local cunha calidade moi superior á que estaban afeitos coas emisións analóxicas.
Pero a oferta televisiva de DezTV na TDT será por partida dobre, xa que aparte da súa canle tradicional tamén incorporan á súa oferta dixital unha canle virtual sen presentadores na que durante as 24 horas publican información diaria e útil, que vai dende unha axenda cultural á información meteorolóxica.

PUBLICIDADE