A divulgación cultural a través da Rede centrará unha xornada no Gaiás
mércores, 6 de novembro do 2019
O vindeiro sábado 23 de novembro terá lugar a xornada
#CulturaLike, que achegará ao Gaiás a dous divulgadores culturais que están
a trunfar nas redes sociais cos seus contidos: Jaime
Altozano, con 1,82 millóns de subscritores en YouTube, e o galego Miguel
Ángel Cajigal, máis coñecido como El
Barroquista, con preto de 42 mil seareiros en
Twitter.
Esta xornada amosará como os contidos culturais tamén
espertan o interese dunha audiencia de masas e tamén son capaces de converterse
en trending topic nas redes sociais. De igual xeito, o encontro busca
demostrar como estas ferramentas en liña poden servir de aliadas perfectas para
difundir a arte fóra dos espazos museísticos, rachando coas canles de acceso
tradicionais e permitindo espallar e democratizar sen lindes físicos ou
académicos contidos e coñecementos culturais.
Deste xeito, no encontro estará un dos máis destacados
divulgadores culturais en lingua hispana en Internet, Jaime Altozano, compositor
e produtor musical, que ten colaborado como creador de contidos divulgativos
con institucións como a Universidad Politécnica de Madrid ou Teatro Real e con
diferentes medios de comunicación.
En Galicia tamén hai influencers culturais cunha
forte pegada e seguimento en Twitter, como é o caso de Miguel Ángel Cajigal,
máis coñecido por El Barroquista. A conta de Twitter deste licenciado en
Historia da Arte e diplomado en Estudos Avanzados da Música pola Universidade
de Santiago de Compostela (USC) rexistra máis de 40.000 seguidores. Director do
Máster de Educación en Museos y Espacios Culturales da Universidad Miguel de
Cervantes (Valladolid) tamén colabora como divulgador cultural no programa
Galicia por Diante da Radio Galega e forma parte do Servizo de Educación, Mediación
e Atención ao visitante da Cidade da Cultura.
Da man destes dous destacados creadores de contidos
culturais nas redes sociais, os participantes en #CulturaLike terán a
oportunidade de coñecer as claves dos novos relatos da cultura en Internet; a potencialidade
da súa difusión en liña; e as importancia do seu deseño para facilitar a súa
comprensión e acadar un maior impacto.
Caso práctico: Galicia, un relato no mundo
- El Barroquista acompañará aos gañadores na actividade Ti tamén podes facer #CulturaLike ao longo dunha visita pola catedral compostelá
Todos os participantes traballarán tamén cun caso práctico,
os contidos de Galicia, un relato no mundo, a primeira das tres grandes
exposicións que a Xunta de Galicia realiza no Museo Gaiás da Cidade da Cultura
dentro da programación do Xacobeo 21.
Deste xeito, deberán realizar as súas propias achegas
divulgativas ao redor desta mostra, que exhibe por primeira vez en Galicia
destacada pezas de alto valor simbólico para a historia e cultura do noso país
e que se atopan en prestixiosas institucións museísticas en diferentes
recunchos do planeta.
Precisamente, convidaráselles ás persoas inscritas en
#CulturaLike a participar na proba práctica Ti tamén podes facer
#CulturaLike, na que poderán amosar os coñecementos adquiridos e as súas
habilidades na construción de contidos e relatos en liña con esta grande
exposición do Museo Centro Gaiás e nunha destas catro redes sociais: Twitter,
Instagram, Facebook ou Youtube.
A publicación en cada unha destas canles da persoa que máis
interaccións reciba até o 31 de decembro recibirá como agasallo unha visita
privada para el e para un acompañante con El Barroquista, quen lles
ensinará a catedral de Santiago. Esta experiencia suporalles a descuberta dun
xeito diferente desta obra mestra da arte románica mundialmente recoñecida e de
espazos que, de seguro, nunca antes se tiñan fixado co detemento e ollada deste
especialista. A visita comentada incluirá o Arquivo da catedral e o soberbio
Pórtico da Gloria, recentemente restaurado para recuperarlle a súa policromía
orixinal.