A ferramenta BBVA One View xa é empregada por máis de 4.200 firmas galegas

venres, 23 de agosto do 2019 Redacción

A aplicación BBVA One View, que permite ás empresas obter a información financeira dos produtos agregados dunha soa ollada, vén de acadar os 75.000 clientes en só oito meses, dos cales máis de 4.200 son galegos. Este servizo, que simplifica a xestión da súa tesouraría, incorporou algunhas novidades que facilitan o día a día dos clientes, segundo informa BBVA, que explica que entre estas funcionalidades atópase a posibilidade de termos “unha visión global dos préstamos e os Terminais de Punto de Venda (TPV) ao podermos agregar os doutras entidades, controlar a liquidez da empresa en tempo real e optimizar o uso das súas liñas de crédito”.
Un dos piares da ferramenta é a súa capacidade para tirar proveito da información a gran escala e a súa análise intelixente: o chamado Big Data. Grazas a isto, engade a entidade financeira, os usuarios poden “aforrar unha media de dúas horas diarias na xestión da súa tesouraría, simplificando o proceso de agregación bancaria e facilitando a conciliación contábel”. Estas vantaxes e estas potencialidades están, en palabras de BBVA, entre as razóns do éxito da ferramenta, que xa foi elixida por 88.000 empresas en toda España para o seu uso diario.
En Galicia son 4.204 as empresas que utilizan o agregador financeiro intelixente.
Detalles sobre a ferramenta
BBVA One View permite ter unha visión da posición financeira dunha empresa mediante a agregación de contas e cartóns, contas de crédito e agora tamén, de préstamos e da facturación de comercios (TPV) doutras entidades. No caso dos préstamos, ademais do capital pendente, o cliente pode consultar os detalles do mesmo, como a data de vencemento ou o importe da vindeira cota a través da web. Doutra banda, grazas á agregación da facturación de comercios, os clientes poden dispor “dunha visión global das súas vendas por banco e por comercio, tendo marxe para consultar o detalle de cada unha delas desde un único punto”, sinala a entidade bancaria.

PUBLICIDADE