A firma viguesa Innogando gana a VII edición de Venture on the Road

mércores, 29 de maio do 2024 S. P.

A startup viguesa Innogando foi a startup gañadora da VII edición de Venture on the Road, cuxa final celebrouse este 28 de maio no espazo que Wayra ten en Madrid.
Venture on the road é un evento itinerante organizado por BStartup de Banco Sabadell, SeedRocket e Wayra (Telefónica), aos que se suma como colaborador Google for Startups. Nesta edición, Venture on the road recalou en León, Elx, Palma de Mallorca, Donostia, Málaga e Vigo.
Innogando, que resultara no seu momento gañadora do evento de Vigo, competiu coas cinco novas firmas innovadoras elixidas nas demais cidades. A viguesa aplica unha tecnoloxía avanzada baixo un modelo B2B para facer monitoraxe e localizar gando, promovendo a rastrexabilidade e máis a sustentabilidade para consumidores finais, e mellorando a eficiencia e as prácticas agropecuarias sostíbeis.
Ao resultar vencedora nacional, recibirá como premio un pack de axudas por parte de todos os socios que conta con asesoramento especializado en finanzas ou mercadotecnia por valor de 3.000 euros ofrecido por BStartup; participación como proxecto convidado no Campus de Emprendedores e 3 horas de asesoramento de SeedRocket; acceso durante 6-12 meses ás oficinas de Wayra, así como un convite preferente aos seus eventos patrocinados, axenda de contactos e participación nos seus obradoiros e formacións; acceso a Google for Startups no Campus de Madrid durante 6 meses e 2 sesións de mentoría co seu equipo para identificar posibilidades de crecemento. Tamén será parte do programa nativos dixitais de Google Cloud, contando con ata 100.000 $ en créditos válidos durante 9 meses, revisión de arquitectura e seguimento técnico cos seus enxeñeiros, así como acceso prioritario a formación avanzada dos programas de training de Google Cloud Platform.
O obxectivo de Venture on the road é buscar as mellores oportunidades de investimento de cada rexión e dar a posibilidade ás startups en fases iniciais de presentar o seu proxecto ante investidores e xerar unha rede de contactos profesionais de calidade.
No caso concreto desta VII edición que acaba de rematar, analizáronse 95 novas firmas innovadoras e contouse coa asistencia e participación de 120 investidores.

PUBLICIDADE