A mostra Galicia 100 celebra hoxe unha visita guiada e unha mesa de debate

venres, 21 de outubro do 2016 Redacción

A exposición Galicia 100 celebra esta tarde, ás 19 horas, unha actividade destinada a complementar a mostra explicando o seu cometido, a natureza dos obxectos que acubilla e os retos que persegue (e que ao longo da súa andaina, primeiro en Compostela e estes días na Coruña, na sede de AFundación no Cantón Grande, xa deu en boa medida conquerido). Como lembraremos, Galicia 100 vén da man do Consello da Cultura Galega e diríxese e visualizar e “narrar” o percorrido na historia da nosa terra a través da escolma de cen pezas e das diferentes interrelacións que estas achegan entre si.
A mostra compleméntase con salientábeis recursos TIC, por exemplo a aplicación móbil de seu para iOS e Android e máis a web nas que podemos ver fotografías, vídeos, animacións e recreacións tridimensionais. Manuel Gago é o comisario desta exposición. Entre as pezas que máis nos tocan de preto atópase un computador IBM 1130 de 1969, cedido pola Facultade de Matemáticas de Santiago.
Respecto da actividade de hoxe ás 19 horas, incluirá en primeira instancia unha visita guiada á exposición, para máis tarde, ás 20 horas, celebrar unha mesa redonda na propia sede coruñesa de AFundación. Na mesa redonda participarán Fintan O’Toole, editor literario de The Irish Times, comisario da exposición Ireland en 100 objects, inspiradora de Galicia 100, xunto con Fernando Bouza, catedrático da Universidade Complutense de Madrid, membro da comisión de expertos da exposición Galicia 100. Ademais, participará Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega e catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela. A mesa redonda busca profundar nas claves culturais e divulgativas que guiaron a realización da devandita mostra e as súas inspiradoras, a Historia do Mundo en 100 obxectos do British Museum e Ireland en 100 objects, promovida polo Goberno irlandés.

PUBLICIDADE