A nova edición do Aldaba-TIC Camp reivindicará o papel das nenas no ámbito STEM

venres, 24 de maio do 2024 S. P.

A última semana de xuño, a Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense acollerá a segunda edición do Aldaba-TIC Camp, o campus tecnolóxico de verán con perspectiva de xénero posto en marcha pola Cátedra Aldaba WIB: Women, ICT & Business e destinado a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos.
A actividade conta co apoio da Escola Superior de Enxeñaría Informática (que facilita as instalacións, equipos e software que se vai a utilizar) e co patrocinio do Consello Social da Universidade de Vigo, que subvenciona o 50% da matrícula. Desenvolverase do 24 e 28 de xuño en horario de 9.00 a 14.00 h, con servizos opcionais de madrugadores e comedor. As 30 prazas dispoñíbeis están destinadas a nenas e nenos nados entre os anos 2012 e 2018, ambos incluídos, apaixonados pola tecnoloxía.
O obxectivo deste campamento é “espertar vocacións tecnolóxicas a idades temperás, dar a coñecer o mundo TIC á rapazada e axudar aos nenos e nenas a desenvolver habilidades dunha maneira divertida, en liña cun dos principais retos da cátedra organizadora, que é fomentar as vocacións TIC entre nenas e mozas”.
Así, coma en anteriores edicións resérvase un 80% das prazas para nenas.
As carreiras TIC, e especialmente a Enxeñaría Informática, lembran desde Aldaba WIB, “teñen unha moi baixa presenza feminina que non fai máis que diminuír nos últimos anos”. Isto, detallan, “implica que nos estamos perdendo o talento de todas estas mulleres e que a tecnoloxía do futuro podería estar nesgada ao faltar a visión das mulleres na súa construción”. Neste contexto, sinalan que “moitos estudos determinan que os nenos e nenas teñen un interese similar pola tecnoloxía e as matemáticas ata aproximadamente os 6-8 anos. A partir deste punto, as nenas comezan a perder interese e a sentirse menos capacitadas en matemáticas e tecnoloxía (aínda que os resultados académicos no campo son iguais en nenos e nenas)”.
Nesta segunda edición as e os participantes terán como reto “explorar o fondo do mar”, titulándose o campamento Misión nas Profundidades. Arredor desta temática nenas e nenos empregarán programas de deseño e impresión 3D, robots, domotización, drons submarinos e diversas aplicacións. As actividades realizadas serán impartidas por Play Code Academy e investigadoras da Universidade de Vigo e estarán adaptadas ás idades e coñecementos do alumnado.
Tendo en conta que a Cátedra Aldaba WIB é unha iniciativa conxunta das universidades de Vigo e A Coruña e da empresa Aldaba, este campamento tamén es celebrará na Facultade de Informática da Universidade da Coruña en dúas quendas, a última semana de xuño e a primeira de xullo, contando neste caso co patrocinio do Consello Social da Universidade da Coruña.

PUBLICIDADE