A presentación do Windows 7 en galego, en directo na Rede

mércores, 23 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

A presentación do Windows 7 en galego, prevista para este xoves ás 19.00 horas no CGAC de Santiago, non será unha presentación calquera perante os medios de comunicación. Semella que tanto a multinacional como a Xunta, os dous convocantes deste acto (no que tamén se dará a coñecer a galeguización do Office 2010, o Sharepoint 2010 e o Dynamics CRM), queren abranguer a máxima audiencia, en parte para ter informados polo miúdo aos usuarios galegos das ferramentas da dita compañía de que cómpre galeguizalo todo. A convocatoria será retransmitida en directo pola Rede a través de Lync, de xeito virtual. O único que teremos que facer é unha conexión co enderezo especificamente habilitado para este evento.
Cómpre lembrar que na presentación destes produtos, inseridos na iniciativa Vive en galego da Xunta de Galicia, farán acto de presenza o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez; o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; e a xerente de Relacións Institucionais de Microsoft, Montserrat Pardo, terá lugar ás 19:00 horas no Centro Galego de Arte Contemporánea, en Santiago de Compostela. O evento, informa a Xunta, estará conducido polo actor Rubén Riós e contará coa intervención musical da gaiteira Susana Seivane. Ademais, durante o acto realizaranse conexións en directo, vía Lync, con galegos residentes en cidades de diversas partes do mundo.

PUBLICIDADE