A revista Micromanía di adeus (NOVA ACTUALIZADA)

luns, 6 de agosto do 2012 Marcus Fernández

As revistas de videoxogos en España continúan nunha situación crítica, e tras o peche de publicacións como EDGE, SuperJuegos Xtreme e, hai un par de meses, Marca Player, sabemos agora unha baixa moi destacable, por tratarse da veterana Micromanía, revista nacida en maio de 1988 e que viviu distintas etapas para adaptarse ao mercado (como o período entre 1988 e 1995, cando adoptou un tamaño de xornal, acompañando tal sorprendente paso cunha forte campaña promocional en televisión). A partir de 1995 recuperara un formato máis tradicional e destacou por ser unha das publicacións en distribuírse con discos (diskettes, CD-ROM e DVD) con demostracións de xogos e, nalgún caso, incluso xogos completos.
O número 211 será o último de Micromanía en chegar aos quioscos, decisión que adoptaría a súa editora, Axel Springer, por mor do mal momento que están a vivir as publicacións impresas en xeral, e que abocaron á compañía a aplicar un ERE que suporía o despedimento de 40 traballadores (de 147) e o peche de 5 cabeceiras mensuais (que con Micromanía serían 6, o que indica que as negociacións para externalizar tal publicación non resultaron satisfactorias).

ACTUALIZACIÓN: Manuel del Campo asegura a través de Twitter que a revista Micromanía si chegará aos quioscos en setembro, pero deixando de pertencer a Axel Springer, estando aínda sen pechar as negociacións da externalización da publicación.

Portada do primeiro número de Micromanía publicado en 1988

PUBLICIDADE