A veciñanza de Ames colaborou co Concello para identificar as eivas locais en fibra óptica

mércores, 6 de abril do 2022 S. P.

O Concello de Ames quere saír ao paso dos desafíos tecnolóxicos que deixou a pandemia, unha crise que, segundo lembran fontes do Consistorio, acelerou as demandas de teletraballo e fixo medrar o número de trámites en liña, amais de modificar as metodoloxías docentes. En base a isto, o Concello solicitou a colaboración veciñal para “coñecer o estado actual do despregue de fibra óptica no municipio”. O obxectivo foi “coñecer aquelas zonas que na actualidade non dispoñen de fibra óptica”. Fontes do Consistorio recoñecen que durante o prazo aberto para recadar información sobre dito asunto, recibiuse “unha importante cantidade de queixas respecto da demora existente na implantación da fibra óptica en diferentes lugares do municipio”.
O alcalde de Ames, Blas García, explicou que “nos últimos tempos observamos con preocupación que moitas das nosas veciñas e veciños non contan cun servizo esencial como é poder dispor dunha conexión a Internet de calidade, e día a día vemos como nos trasladan á Administración local, a máis próxima á cidadanía, a necesidade de esixir ás institucións competentes unha maior implicación para conseguir que a fibra óptica chegue aos seus fogares o máis axiña posíbel”.
O rexedor manifestou que na actualidade non se alcanzaron os obxectivos fixados nos diferentes mapas publicados pola Secretaría de Estado de Telecomunicacións, onde se informa das zonas grises e brancas para os anos 2020 e 2021. Concretamente en Ames, para o ano 2020 estaba previsto a implantación de fibra en distintos núcleos nos cales, aínda na actualidade non existe o servizo como son: Vilaverde, Balindo, Fernande, Covas e Rúa, pertencentes á parroquia de Piñeiro; Vilouta, Frenza e A Mámoa da parroquia de Tapia; Ínsua, O Galiñeiro e Trasmil da parroquia de Agrón; e Biduído de Abaixo.
“Acontece o mesmo nas previsións para o ano 2021”, explicou o alcalde, engadindo que “tampouco se cumpriron as previsións establecidas pola Secretaría de Estado”. Neste momento, continuase sen servizo nos seguintes lugares: Calo, na parroquia de Agrón; O Portanxil, na parroquia de Trasmonte; Urbanización Alto do Vento, na parroquia de Covas; Aldea Nova e contorna; en diferentes partes de Castrigo, das rúas Rosaleda, Lodeiro, Paraxe do Porto, pertencentes á parroquia de Ortoño, e nunha parte do lugar de Coira, na parroquia de Biduído. Por mor destas eivas, García solicitou “celeridade nas actuacións dirixidas a dotar de fibra óptica os distintos núcleos do municipio amesán”, e instou a “que cumpran o establecido nos plans de actuación da Secretaría de Estado de Telecomunicacións, tendo en conta a importancia deste servizo na actualidade, máxime nun concello como o de Ames, que ten a particularidade de ser o máis novo de Galicia, con todo o que iso implica”.

PUBLICIDADE