A viguesa SAEC DATA achegará a tecnoloxía para macropoxa de interrompibilidade de Rede Eléctica

mércores, 22 de outubro do 2014 Redacción

Rede Eléctrica (REE) vén de convocar para os días 17 a 21 de novembro unha macropoxa para adxudicar contratos de interrompibilidade, servizo que ofrecen algúns grandes consumidores eléctricos que consiste no compromiso de suspender ou reducir a súa actividade industrial en momentos nos que o sistema eléctrico se atopa saturado a cambio de recibir unha contraprestación económica anual. O proceso, que converterase no meirande concurso eléctrico celebrado até agora en España, cun volume de 550 millóns de euros, está a crear grande expectación no sector eléctrico.
É a primeira vez que se organiza un operativa así para a interrompibilidade. Vaise organizar como a clásica lonxa dun mercado de abastos e REE externalizou a organización á empresa viguesa SAEC DATA, que, entre outras, automatizou lonxas históricas como a gaditana de Sanlúcar.

Imaxe dunha pasada xornada de SAEC DATA no CDTIC

O concurso levarase a cabo entre os días 17 e o 21 de novembro, no recinto feiral de IFEMA, en Madrid. Adxudicaranse todos os contratos para a interrompibilidade do exercicio 2015. Convocouse a máis dun centenar de grupos e a poxa farase por bloques, o prezo de saída para cada megavatio do bloque de 5 MW será de 260.000 euros, fronte aos 350.000 euros por cada megavatio do bloque de 90 MW. A poxa será á baixa, en tramos de 1.000 euros. Cada competidor terá un dispositivo electrónico cun botón que, ao apertalo, suporá a retirada da poxa. O gañador será o último competidor que quede na poxa.

PUBLICIDADE