APD mostrou en Santiago o destacado empuxe innovador das empresas galegas

mércores, 19 de xuño do 2024 S. P.

A Asociación para o Progreso da Dirección (APD), en colaboración coa Xunta de Galicia, o Círculo de Empresarios e Nordés Club Empresarial baixo o programa de Capacita Directivos; celebraron na mañá deste martes 18 de xuño a xornada Innovation Big Date, punto de encontro para directivos e profesionais arredor da innovación, reunindo a máis de 130 persoas en Santiago de Compostela, no Hotel OCA Puerta del Camino. No transcurso do encontro púxose o foco na proxección innovadora da nosa terra: unha das comunidades que máis medraron en I+D dende a crise financeira.
O encontro, presentado e dirixido pola comunicadora Elba Pedrosa; comezou coa inauguración da directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE); Covadonga Toca; que remarcou o compromiso do Goberno galego coa innovación e a colaboración público-privada para dinamizar o empresariado galego.
A esta inauguración seguiulle a primeira entrevista da mañá, entre Ana Sánchez, directora da zona noroeste de APD; e Orlando Vergara, executivo, mentor e autor do libro Ecosystems Leaders Mindset. O autor, de orixe peruana, relatou aos asistentes a influencia da súa nenez na súa forma de liderar e emprender, compartindo as súas experiencias co case centenar e medio de asistentes. O experto sinalou que “vivimos nunha contorna no que xa non estamos chamados a competir, se non a colaborar” e que “debemos cambiar a definición de éxito na nosa sociedade".
Tras esta intervención, Norberto Penedo, director da área de Competitividade do IGAPE, presentou a seguinte conversa, focalizada na innovación desde o punto de vista estratéxico; con Javier Sesma, vicepresidente de Desenvolvemento de Negocio de TK Elevator, e Iñigo Ezquerra, director de Innovación Aberta de ArcelorMittal. Os dous relatores sinalaron que a innovación “é unha ferramenta competitiva que lles permite competir con outros mercados”; e destacaron o relevante papel que xogan as persoas dentro do ecosistema innovador.
O encontro, ademais, contou cunha mesa redonda con profesionais provenientes de empresas familiares galegas de gran traxectoria, como Lucía Sánchez, xestora de proxectos de innovación de Hijos de Rivera; Pedro Arenas, director de Desenvolvemento Corporativo de CEAMSA e Karolina Iwanowicz, coordinadora de innovación de Kaleido Ideas & Logistics. Baixo a moderación de Fernando Jiménez, os relatores sinalaron que a innovación nace desde todas as áreas da empresa e que "a colaboración intersectorial é unha ferramenta crucial". Tamén salientaron que as relacións entre axentes colaboradores deben basearse na confianza e a transparencia, identificando os pequenos "visionarios dos equipos" para que actúen de dinamizador das compañías.
O Innovation Big Date acubillou tamén unha mesa redonda protagonizada por empresas emerxentes que apostan pola innovación como núcleo do seu negocio. O encargado de moderala foi Pablo Grandío, director xeneral de Quincemil, e interviñeron emprendedores como Alfredo Fernández, director executivo de Ingeo; Enma Conde, directora de I+D+i e co-fundadora de Glecex, e David Fernández, CTO de Nigal. Todos eles explicaron aos asistentes as dificultades no momento de iniciar os seus proxectos e como aplican a innovación no seu día a día.
Clausurou o encontro realizouna Aleix Pons, director de Economía e Finanzas da Fundación COTEC, mostrando o seu novo #InformeCOTEC sobre a VII Enquisa sobre a percepción social da innovación en España; focalizándose nos datos obtidos de Galicia, entre os que a comunidade autónoma destaca como un dos territorios que máis valoran a innovación, xunto a Madrid e País Vasco. Ademais, Pons engadiu que "as empresas galegas son moito máis innovadoras do que cren os propios galegos", sinalando que un 23,6% das empresas galegas clasifícanse coa dita etiqueta. Ademais, o estudo sinala que "os galegos son optimistas respecto ao uso da tecnoloxía para crear novos empregos"; pero que "non se percibe a innovación como un motor do desenvolvemento rural".
En definitiva, o representante da Fundación COTEC sinalou que "Galicia é unha das comunidades que máis medraron en I+D dende a crise financeira", pero que aínda hai eidos de negocio por explorar e explotar.

PUBLICIDADE