ARCHOS pon á venda un tablet con pantalla de 10,1 polgadas e Coverboard

venres, 21 de setembro do 2012 Marcus Fernández

Para levar os seus tablets un paso adiante, ARCHOS vén de incorporar á súa tenda en liña o atractivo ARCHOS 101 XS, que presume de ter un grosor de só 8 milímetros e un peso de 595 gramos, unha tapa protectora magnética que fai á vez de teclado (bautizada como Coverboard pola compañía francesa) e unha pantalla capacitiva de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles. Temos así un dispositivo bastante apto para labores ofimáticas, que inclúe de balde a aplicación OfficeSuite Pro 6 (que permite editar ficheiros de Word, Excel e PowerPoint e ver documentos en formato PDF), aínda que ten tamén a potencia suficiente para usos máis lúdicos (como a reprodución multimedia e o uso de xogos con gráficos 3D).
O ARCHOS 101 XS funciona con Android 4.0.3 (con acceso completo a Google Play e actualizable a Android 4.1 antes de rematar o ano), un procesador ARM Cortex A9 a 1,5 GHz con procesador gráfico PowerVR SGX544, 1 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de ata 128 Gb, webcam, Wi-Fi, Bluetooth 4.0, GPS, compás dixital e batería recargable que permite ata 10 horas de navegación web. Cómpre destacar que o Coverboard incrementaría o seu grosor 5 milímetros e o seu peso 200 gramos. O prezo de venda deste interesante dispositivo é de 379,99 euros.

O Coverboard protexe a pantalla do ARCHOS 101 XS durante o seu transporte e tamén pode facer ás veces de teclado

PUBLICIDADE