AXIGA lanza campaña de pulo á innovación e reforza o seu papel como axente dinamizador da I+D

xoves, 23 de maio do 2013 Fernando Sarasketa

Na fotografía (de esquerda a dereita) algúns dos membros da xunta directiva de AXIGA na asemblea celebrada o 19 de abril: Jorge Bello (tesoureiro), Adriana Castro (vogal), Ángel Pereira (presidente) e Iria Coello (vogal)

A innovación hai que coidala, darlle acubillo e permitirlle que medre libremente. En contra do que se pode pensar, este é un labor colectivo, non só de investigadores, novos empresarios ou desenvolvedores de tecnoloxías. As administracións, por suposto, deben implicarse ao máximo (co fin de axudarlle á nosa terra a saír da focha produtiva causada, en boa medida, pola falta absoluta de innovación e creatividade empresarial), e tamén a cidadanía. Na liña de difundir o valor disto en tódolos eidos da sociedade galega, AXIGA (Asociación de Xestores de Innovación de Galicia) anunciou esta semana que vai levar a cabo unha cumprida serie de actividades de divulgación e promoción ao longo de 2013, en boa medida ao abeiro da campaña Porque a innovación somos todos.
Esta iniciativa, un programa de afiliación, diríxese máis polo miúdo a fomentar que todos aqueles profesionais que traballen na xestión da innovación en pequenas e medianas empresas (PEME), grandes empresas, asociacións, clústers, centros tecnolóxicos, universidades ou profesionais en definitiva que teñan perfil emprendedor relacionado coa innovación poidan formar parte de AXIGA. Toda a información atópase na web deste colectivo profesional galego.
Este compromiso a prol de fomentar o espírito investigador e creativo a tódolos niveis produtivos viuse reforzado, en boa medida, o pasado 1 de abril de 2013, cando os membros da xunta directiva presentaron a asociación a Manuel Varela Rey, novo director da Axencia Galega de Innovación. Na reunión, Manuel Varela puido coñecer o traballo realizado por AXIGA dende a súa fundación e as principais preocupacións do colectivo relativas á continuidade do Programa Rede de Xestores de Innovación de Galicia, aos fondos dispoñíbeis durante o período 2013-2015 para Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i) e ás características das convocatorias previstas. “Este encontro”, sinala AXIGA, “enmarcouse na actividade institucional da asociación para converterse no interlocutor fronte ás institucións do colectivo de xestores de innovación”.
Ao abeiro da dita xuntanza AXIGA fixo entrega ao director da Axencia Galega de Innovación dun informe sobredos resultados da Iª edición do Programa Rede de Xestores de Innovación de Galicia, que incluíu as opinións dos asociados que participaron no programa. “Dentro dos resultados máis positivos”, explica a asociación “indícase que se superaron os obxectivos marcados na propia convocatoria, non só incrementando a inversión en I+D+i efectuadas polas PEME se non tamén mudando a forma de traballar para ser mais competitivas nun mundo globalizado”. AXIGA agarda que este informe sirva para complementar o que elaborará en datas vindeiras a Xunta con todos os datos recollidos, unha vez remate a primeira edición do programa.
A maiores, sinalar que o pasado 19 de abril, o Edificio Cersia de Santiago acolleu a asemblea anual de AXIGA. A xunta directiva estivo representada por Angel Pereira (Presidente), Adriana Castro e Iria Coello (vogais) e Jorge Bello (tesoureiro). Presentouse a Memoria de Actividades do ano 2012 cos principais fitos acontecidos durante o ano, entre os que o colectivo profesional salienta a obtención dunha maior visibilidade do mesmo e o establecemento de relación institucionais con organizacións nivel autonómico e nacional, “destacando os numerosos encontros que se mantiveron coa Asociación iOP (Innovación e Optimización) e ASPICGA (Asociación para a Promoción da Intelixencia Competitiva en Galicia) para procurar sinerxias e desenvolver proxectos colaborativos”. Ademais, púxose de relevo “a intensa actividade de AXIGA nas redes sociais, especialmente en LinkedIn”, onde creou varios grupos como AXIGA Emprego no que se publican ofertas específicas para xestores de innovación. Ademais presentáronse as contas, que cun saldo positivo e grazas as contribucións de tódolos asociados, permiten a realización de novas actividades e a mellorar o funcionamento de AXIGA.

PUBLICIDADE