Abegondo acolle a proxección dos filmes gañadores de Curtas na Rede

xoves, 25 de xuño do 2009 Raquel Noya

A Rede de Telecentros de Comunicación de Galicia (RTC), na súa teima por dar a coñecer todo o que se está a facer no noso país en torno ao sector audiovisual, e en concreto ao referente ás curtametraxes, está a proxectar as curtas gañadoras das tres primeiras edicións de Curtas na Rede por toda a Comunidade, e vén de facer a súa última parada no Telecentro de Abegondo, onde se dou acollida á primeira xornada da devandita exhibición.
Alí, un grupo de rapaces e rapazas pertencentes a un programa de servizos sociais para discapacitados, asistiu esta mesma mañá á primeira das proxeccións no marco desta actividade coa que a Secretaría Xeral de Medios, a través da Rede de Telecentros de Comunicación de Galicia (RTC), dará a coñecer (durante todo o mes de xullo) o que se está a facer en Galicia no mundo da curtametraxe.
As seguintes sesións de exhibición de curtametraxes no Telecentro de Abegondo terán lugar o 2 e o 9 de xullo, e a elas poderán acudir todas aquelas persoas que o desexen.
Asemade, esta entidade está a poñer todo tipo de material e recursos, tales como cámaras de vídeo, material informático... a disposición dos interesados en participar nesta edición de Curtas na Rede 09, unídonse así, un ano máis, á campaña de dinamización da Rede de Telecentros, Comunícate, coa que pretende dar a coñecer as distintas posibilidades que ofecen estas ferramentas para o desenvolvemento da nosa vida cotiá.

PUBLICIDADE