Android 4.2 podería presentarse a finais de mes nun terminal de LG

venres, 5 de outubro do 2012 Marcus Fernández

O novo móbil estaría baseado no LG Optimus G

Nos últimos días un ruxerruxe apuntaba a que a finais de mes presentaríase o novo móbil insignia de Google coa marca Nexus, disparándose os rumores sobre o fabricante no que recaería tal responsabilidade, e todo apunta a que tras HTC e Samsung tocaralle agora a LG fabricar o novo móbil de referencia para o que sería Android 4.2.
De feito, dende Modaco.com aseguran confirmar numerosos detalles do suposto LG Nexus, que sería un terminal baseado no Optimus G, que contaría cun procesador Snapdragon S4 de catro núcleos, 2 Gb de RAM, 8 ou 16 Gb de almacenamento interno (non ampliable mediante tarxetas microSD), pantalla IPS cunha resolución de 1.280 x 768 píxeles, cámara de 8 Mpíxeles e batería non extraíble con soporte de cargar sen fíos. Incluso apuntarían que a data de lanzamento deste terminal sería mediados de novembro.

Novidades de Android 4.2

Sobre Android 4.2 hai tamén numerosos rumores, como que agora calquera fabricante podería sumarse ao programa Nexus (para contar con actualizacións de Google), o sistema operativo contaría cun Centro de Personalización (no que poder mudar tons de chamada, paquetes de idioma, fondos, lanzadores...) o que permitiría desligar a aparencia do móbil das actualizacións base de Android, un novo sistema deseñado para aproveitar mellor a batería dos móbiles, un Google Play mellorado, novas función de Google Now e novo reprodutor de vídeo que permitiría o acceso a servizos de vídeo. Ao parecer todos estes cambios está no forno, polo que a principal dúbida é se estarán listas para Android 4.2 ou se algunha quedará relegada ao Android 5.0.
ACTUALIZACIÓN (8-10-2012): Os rumores sobre as novidades que podería ter Android 4.2 veñen de ser desmentidos.

PUBLICIDADE